Nova redada policial nun dos 'after' do barrio lugués da Milagrosa
Os axentes cortaron a rúa e desaloxaron o local para efectuar un rexistro que rematou co peche do negocio o domingo, ao detectar unha infracción na documentación do establecemento
Os veciños do barrio lugués da Milagrosa hai anos que mal conviven coas molestias que orixina a actividade de varios locais que, a pesar de traballar con licenza de cafetería, en realidade funcionan coma 'after'. Os incidentes, pelexas e ruído están á orde do día. Esta fin de semana as policías local e nacional realizaron unha redade e pecharon temporalmente un deles.
Unha ducia de dotacións das policías Local e Nacional participaron nunha actuación programada de antemán para facer un rexistro nun dos locais de ocio do barrio da Milagrosa, en Lugo, que funcionan como 'after' a pesar de ter licenza de cafetería.
Os axentes cortaron a rúa e desaloxaron o local para efectuar un rexistro que rematou co peche do negocio o domingo, ao detectar unha infracción na documentación do establecemento.
Aos veciños sábelles a pouco. Fernando Toubes, voceiro da asociación SOS Milagrosa-Lugo Norte di: "Dende a plataforma hai tempo que vimos denunciando que as sancións non serven de nada se non implican unha serie de consecuencias máis importantes. E o que queren os veciños é unha tranquilidade que non vemos por ningún lado".
O ruído e as pelexas no interior e exterior destes locais son continuos. Esta semana pasada outra intervención policial, neste caso por superar a capacidade, levou ao peche por un día do 'after'.
Dende a asociación de veciños lembran que o último peche cautelar do local foi ás portas das últimas eleccións municipais.
"Son capaces de pechalo durante un ano por unha campaña electoral e agora non son capaces de facelo polo benestar dos veciños".
O barrio da Milagrosa leva case trinta anos convivindo coa actividade destes locais.