Denuncian o abandono e a maleza que medra descontrolada desde hai dúas décadas a carón dunha vivenda en Aranga
Denuncian o abandono e a maleza que medra descontrolada desde hai dúas décadas a carón dunha vivenda en Aranga
Os propietarios da casa temen un incendio
Reclaman unha actuación urxente
Maleza e árbores medrando de xeito descontrolado desde hai vinte anos. Iso é o que ven uns veciños da Castellana, no concello de Aranga, cando abren as súas ventás ou saen a fóra. "É unha selva. E leva así vinte anos que é o tempo que levo eu nesta casa", explica José Fernando Pérez Sánchez, o veciño prexudicado.
Aseguran que se converteu nun foco de preocupación constante. "Polos incendios, claro. Cada vez que acendes a televisión e ves semellantes incendios, colles medo. Haberá de todo... Ás veces séntense as cobras cantar", engade o veciño.
Temen tamén ao inverno, aos temporais. José Fernando conta que a comezos do mes pasado caeu este eucalipto. E non desbota que detrás vaian outras árbores. "Aínda está aí, na leira do veciño. Pero se chega a caer para este lado, igual e rompía o tellado do garaxe", di José Fernando.
Cursaron xa varias queixas ante o Concello. "Non sei a quen acudir. Fun ao Concello, mandei cartas, puxen denuncias, pero non me contestan nunca ás denuncias".
Desde o Concello de Aranga informáronos de que descoñecen quen é o propietario desta leira. Aseguran que a comezos do próximo mes van utilizar a execución subsidiaria para limpala, unha vez que conten coa autorización dun xuíz.