Publicador de contidos

Publicador de contidos

Localizan no club fluvial de Lugo unha serpe de máis dun metro que non é velenosa

Localizan no club fluvial de Lugo unha serpe de máis dun metro que non é velenosa

Estaba no cuarto de máquinas, fóra da zona de uso común dos socios

Os bombeiros de Lugo sacárona das instalacións e liberárona nunha contorna natural afastada de actividade humana

G24.gal 25/08/2025 13:32

Unha serpe dun metro apareceu nas instalacións do Club Fluvial de Lugo. Pero non se preocupen os usuarios, que o réptil non era velenoso e, ademais, foi localizado nun cuarto de máquinas afastado das zonas comúns de uso dos socios. Aínda así, máis dun usuario expresou a súa inquedanza.  

Dentro do reino animal os réptiles non son, digamos, os que máis simpatías espertan entre os humanos. Poucos quedarían indiferentes ante un encontro deste tipo. "Que susto se o vexo eu", é o comentario máis común entre os socios do Fluvial.

É comprensible que a noticia da aparición dunha serpe de máis dun metro nas instalacións do Club Fluvial de Lugo, espertara desacougo en máis dun usuario. Aínda que non en todos. 

"Que susto se o vexo eu!"

"Tendo en conta que é unha contorna natural, tampouco hai que sorprenderse", di un socio do Fluvial.

Un membro da directiva do club, Moncho Busto, cóntanos que a anécdota da serpe chamou a atención polo seu tamaño, case un metro. "O incidente difundiuse polas redes sociais onde chegaron a comentar se sería velenosa. Pero nada máis lonxe de iso. É unha cóbrega de colar mediterránea moi típica de zonas húmidas". E é que aínda que o seu aspecto lembra a unha víbora, non é velenosa.

O réptil foi localizado por un operario nun cuarto afastado das zonas comúns de usos. Nun cuarto de acceso restrinxido ao persoal, onde están as billas das piscinas.

"Isto é máis habitual do que moitos cren. Esta é unha contorna natural, ademais moi coidada, e polo tanto frecuentado por moita fauna: cangrexos, corvos mariños e tamén algún réptil de rio", di Moncho Busto.

Os bombeiros de Lugo foron os encargados de recoller o réptil das instalacións e liberalo, xa que é un espécime que non representa perigo para as persoas, nun ámbito natural afastado de actividade humana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade