Setecentas galiñas andan ceibes polas rúas de Torrevieja
Ofrecen 28 euros por ave trasladada a un centro de conservación animal
Un descoñecido liberou unhas cincuenta galiñas hai dez anos e a cousa foi a máis
As aves andan ceibes nos parques, rúas e xardíns, entre os coches e a xente
En Alacant buscan a quen poida atrapar, vivas, unhas setecentas galiñas que andan soltas pola rúa. Hai anos que en Torrevieja hai unha especie de praga de galos, polos e galiñas. A situación supera o Concello, veciños e visitantes.
En Torrevieja hai galiñas e galos por todas partes. Contan os veciños uns setecentos animais. Unha invasión que non é nova, pero que mantén o Concello e os que viven na zona superados.
Comezou hai uns dez anos, cando un descoñecido deixou ceibes algo así como medio cento de galiñas e galos. A cousa foi indo a máis, ata que xa é inadmisible.
O Concello busca quen retire as aves, vivas, e as traslade a un centro de conservación animal. Ofrece case vinte mil euros polo traballo, uns vinte e oito euros por animal retirado.
Todo estaba a punto para a operación Galo, pero finalmente a empresa renunciou a facer o traslado porque non se ve capaz de garantir a seguridade dos animais. Non hai onde meter tanta galiña. Setecentas, e subindo, nunha localidade onde viven unhas cen mil persoas.