Os xeados para cans dunha empresa de Pontevedra seducen o mercado internacional
A comida saudable para mascotas fíxose un oco no mercado que medra, segundo constatan desde Dairy Pet.
A empresa pontevedresa produce unha ampla variedade de sobremesas lácteas que venden en máis de 30 países
A comida saudable para mascotas fíxose un oco no mercado que medra. Así o constatan desde Dairy Pet. A empresa situada en Pontevedra oferta xeados e unha ampla variedade de sobremesas lácteas que venden en máis de 30 países.
Antes de sacar un novo produto ao mercado, nesta empresa teñen moi en conta a opinión dos seus catadores oficiais. É o caso deste can de caza. Degusta un xeado que é xa un éxito de vendas e no que hai sabores para elixir.
"Temos salmón e mazá, temos de touciño entrefebrado e agora sacamos de salchicha con queixo", di Miguel González, socio de Dairy Pet.
"Non teñen lactosa, non teñen azucre, intentamos facer un produto saudable", conta Carlos Granjel, socio da empresa.
Un iogur natural que reforza o sistema inmunitario dos cans foi a primeira aposta desta empresa, situada en Pontevedra. Hoxe contan con máis dunha ducia de produtos que comercializan nuns 35 países.
"O que máis vendemos é o iogur natural, os xeados na temporada de verán están sendo unha loucura. Todos se venden moi ben". "O leite facémolo con Central Lechera Asturiana e o resto de produtos facémolos en Clesa. Son todo produtos de quilómetro cero e traballamos con gandarías sostibles", relata Miguel González.