Galuriña investiga as algas de Esteiro para facer masa e logra un Premio do Ministerio de Pesca
O galardón recoñece o exemplo desta empresa rural, sostible, ecolóxica e cunha muller á fronte
Asentamento no territorio rural e exemplo para as mulleres emprendedoras, son só algúns dos aspectos que o Ministerio de Pesca valorou para outorgarlle á empresa Galuriña de Esteiro este premio anual á excelencia. Tamén a defensa da sostibilidade.
Carmen Sánchez, dona e única traballadora da marca, practica ela mesma unha recollida de algas respectuosa co ecosistema. Vixía que en cada unha das especies quede garantida a reprodución.
No seu pequeno obradoiro, limpa, deshidrata e moe. Investigou durante anos como incorporar as propiedades das algas a algo tan tradicional como a masa da empanada.
"Con esas algas fago todos os produtos: as empanadas, as pizzas e o pan. A diferenza principal con outras son os nutrientes que levan, o sabor, dos macerados cos que se fai a masa nai. E ese proceso que facemos de extracción do principio activo é o que lle da o sabor, o que lle achega a textura", explica Carmen.
Os nutrientes que ela mesma foi quen de extraer, con ensaio erro, neses macerados investígaos agora un equipo do Clínico de Santiago. Porque moitos pacientes con problemas dixestivos atoparon alivio nestes pans, pizzas e empanadas de algas.
Carmén está orgullosa de ela soa conseguir un premio tan importante á innovación.
"Pero para min tamén é moi importante recoñecer os meus clientes que durante tanto tempo estiveron aí. Dicíanme que seguise, que tiña un bo produto. Por iso lles brindo a eleseste premio, porque por eles sigo aquí, porque pensei moitas veces en tirar a toalla", engade Carmen.
Agradece tamén a porta aberta polas empresas galegas que traballan desde hai décadas coas as algas a nivel industrial.