302.843 estudantes incorpóranse ás aulas este curso, 4.255 menos que o pasado
Galicia terá 11.900 unidades educativas e algo máis de 31.600 profesores no sistema público, 1.113 de nova incorporación
A Xunta ultima unha nova lei de educación dixital que prevé remitir ao Parlamento en outubro

Galicia arrincará o próximo curso escolar con 4.255 alumnos menos rexistrados en centros do sistema público, segundo indicou este luns o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Rodríguez ofreceu esta cifra durante a presentación dos datos e novidades relacionados con este novo curso, no que o número total de estudantes queda en algo máis de 302.000 entre todas as etapas do ensino non universitario e sen contar as modalidades de formación profesional.
Son case vinte mil menos que hai dez anos, precisou o conselleiro, antes de apuntar que se trata de "datos que aínda non están consolidados" e que poderían variar ao longo das seguintes semanas.
11.900 unidades educativas e 31.600 profesores no sistema público
Galicia contará durante o próximo ano con preto de 11.900 unidades educativas repartidas en algo máis de 1.100 centros educativos, nun curso onde a Xunta pechará sete escolas unitarias por non chegarse ás cifras mínimas de alumnado matriculado.
En canto ao número de profesorado, Rodríguez avanzou que a cifra "será maior que a do ano pasado" e este mesmo mes de setembro incorporaranse ás súas prazas 1.113 profesores como resultado do último concurso de oposicións, o que sitúa en algo máis de 31.600 o número total de profesores no sistema público de educación.
Como novidade, este curso estenderase a redución das ratios nas aulas ata quinto de Infantil e nos agrupamentos rurais, onde se fixará un máximo de dez alumnos en aulas mixtas de Infantil e Primaria.
Con iso, a comunidade mantense cunhas medias de alumnos por aula e por docente mellores que os da media do Estado en todos os ciclos da educación obrigatoria e bacharelato.
Novas liñas estratéxicas
O conselleiro tamén asegurou que o que está a piques de comezar será un curso "cheo de novidades" en canto a programas educativos e normativa, dado que a Xunta está a ultimar unha nova lei de educación dixital e tres novos decretos relacionados coa formación do profesorado, a ordenación da formación profesional e a propiedade intelectual.
Rodríguez subliñou a importancia de regular o emprego das novas tecnoloxías nas aulas e, neste sentido, puntualizou que a intención do Goberno galego é remitir ao Parlamento este mes de outubro a lei correspondente.
Ademais, destacou a aposta pola inclusión educativa, coa colaboración de entidades especializadas na formación do profesorado; o reforzo da autoridade do profesorado e outras medidas para reducir a burocracia ou dar soporte aos docentes en caso de calquera tipo de violencia.
Controversia pola "neutralidade" ideolóxica
Os responsables da Consellería tamén se ratificaron na súa decisión de esixir "neutralidade ideolóxica" nas actividades complementarias que leven a cabo nos centros educativos, dado que, segundo Rodríguez, esta é "a base do pensamento crítico" e os colexios deben ser "espazos seguros e respectuosos co diferente".
Neste sentido, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, defendeu que a Xunta non pretende controlar que temas se tratan nos colexios, senón que "enfoque" se lles dá e asegurar que se ofrece ao alumnado toda a información dispoñible sobre cada cuestión.