Máis de 20.000 persoas aspiran a unha praza nas oposicións do ensino en Galicia
Dezaseis localidades das catro provincias acollen este sábado as probas de oposicións de Educación convocadas pola Xunta
Dezaseis localidades das catro provincias acollen este sábado as probas de oposicións de Educación convocadas pola Xunta de Galicia, ás que se presentan máis de 20.000 aspirantes.
Concorren a un proceso no que están en disputa ata 1.664 prazas nun total de cincuenta especialidades, desde mestres de Educación Primaria ata especialistas en varias ramas de Formación Profesional ou axentes de inspección.
Máis de 180 tribunais, compostos por máis de 2.000 docentes do sistema público, encargaranse de supervisar o desenvolvemento dun proceso selectivo que vai concluír o vindeiro 22 de xullo.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou unha das sedes en Santiago de Compostela, onde atendeu aos medios para defender que "o sistema educativo funciona con total normalidade" en Galicia.
Segundo dixo, desde o ano 2009, as convocatorias de oposición permitiron renovar case dous terzos dos equipos docentes coa incorporación de novo persoal e de 20.000 profesores ao sistema.
Prazas ofertadas
Das prazas ofertadas nesta quenda, 1.424 correspóndense con opcións de acceso libre, mentres que 230 son para o acceso a profesorado de Secundaria para os mestres de Primaria e as dez restantes para a inspección educativa.
En total, a Xunta presentou unha oferta pública de emprego cunha taxa de reposición do 120 % que, en palabras de Rodríguez, permite consolidar a estabilidade do emprego no sector, que na actualidade xa está por baixo do 5 % en canto a taxa de interinidade.