Román Rodríguez: "Dende 2009 creamos 20.000 novas prazas de mestres"
O conselleiro de Educación afirma que a convocatoria constante de oposicións fai que Galicia teña un dos profesorados máis estables
Román Rodríguez aposta por un modelo híbrido que non "demonice" a tecnoloxía
O titular de Educación reclama "altura de miras e xenerosidade" no debate sobre Medicina
O conselleiro de Educación e Ciencia afirma que dous de cada tres mestres son de novo ingreso. Unha cifra que atribúe ás "convocatorias constantes" de oposicións como a que se celebrou este sábado en 16 localidades galegas e na que máis de 20 mil opositores optaron a 1.600 prazas.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Román Rodríguez explicou que se crearon dende o ano 2009 20.000 novas prazas de docentes, polo que Galicia conta cun dos profesorados máis estables de toda España.
"As constantes convocatorias dos últimos anos permítennos ter un cadro de persoal mozo, renovado, xente que trae novas ganas e ilusión. Isto é importante a nivel individual, pero tamén ten beneficios para os alumnos, porque se poden desenvolver proxectos educativos a medio e longo prazo"
Román Rodríguez sinalou que unha vez que os nenos remataron as clases comezou a selección de profesorado e as obras de renovación dos centros educativos.
Segundo detallou, o parque inmobiliario da consellería consta de máis de 1.600 edificios, cunha idade media de 50 anos. Engadiu que se fan obras durante todo o ano pero que é no verán cando se fan "os traballos máis pesados".
Ensino híbrido
O conselleiro de Educación defende que as competencias dixitais son "básicas e fundamentais". Neste sentido explicou que Galicia aposta por un modelo híbrido que combine a competencia dixital co ensino analóxico.
Con vistas ao curso que vén, a Xunta dotará os centros adscritos ao modelo E-Dixgal de libros de texto.
"Non podemos renunciar ás competencias dixitais. Temos que camiñar cara aun modelo híbrido e non podemos demonizar a tecnoloxía".
Román Rodríguez pediu diferenciar entre o uso que se fai das tecnoloxías no espazo educativo e o que se fai na rúa ou na casa.
"Hai que diferenciar o que se fai coa tecnoloxía no espazo educativo, coa supervisión do profesorado, co que se fai na rúa ou na casa. Utilizar o móbil para acceder a contidos inapropiados ou para relacións de ocio creando dependencia é outra cousa diferente".
O responsable de Educación engadiu que a difusión das competencias dixitais dende as escolas é un mandato da Unión Europea.
Román Rodríguez tamén fixo balance do primeiro ano e medio sen móbil nos patios dos centros educativos.
"Este ano prohibímolo por lei para darlle amparo ao profesorado e os equipos directivos ante pequenos conflitos con algún alumno ou con algunhas familias partidarias de que os nenos tivesen o móbil".
O titular de Educación lembrou que Galicia foi pioneira na implantación desta medida que, segundo afirmou, mellorou a convivencia nos centros.
FP
Na entrevista da Radio Galega, Román Rodríguez destacou que nos últimos anos se duplicou o número de alumnos na formación profesional e que se triplicou a inserción laboral.
"Pasamos dunha inserción laboral do 33 % en 2009 ao 86 % actual nos ciclos ordinarios e a case un 100 % na FP dual".
Román Rodríguez tamén lembrou que a Xunta implementará no vindeiro curso a chamada "FP acelerada", unha aprendizaxe por módulos para que os alumnos poidan "insertarse de inmediato" no mercado laboral.
Ademais, a consellería traballa, segundo adiantou, nun decreto que "vai dar un novo salto no sistema" ao introducir a figura do profesor asociado na FP.
"Temos que seguir dando respostas ás demandas dos sectores produtivos e dar oportunidades a todas as persoas que escollen FP porque saben que é de calidade e que ten gran prestixio".
O titular de Educación tamén subliñou que a Xunta traballa para desenvolver unha FP básica adaptada aos colectivos con "dificultades de todo tipo".
Neutralidade ideolóxica
Román Rodríguez amosou, na Radio Galega, a súa sorpresa polo balbordo xerado logo de que a consellería de Educación ordenara que as actividades complementarias nos centros, como visitas didácticas ou charlas, se realicen con "neutralidade ideolóxica" e se rexistren na Programación Xeral Anual.
"Algunhas organizacións do mesmo ámbito político puxéronse en contra cunha gran violencia. Sorprende que se posicionen en contra da neutralidade ideolóxica. Parece que queren usar o sistema educativo para algo que non é".
O conselleiro de Educación e Ciencia defendeu a neutralidade ideolóxica como un "principio educativo básico" que fomenta o pensamento crítico e o respecto á liberdade e á diversidade.
Grao de Medicina
Román Rodríguez criticou a Universidade da Coruña por actuar "por libre, dun xeito improvisado e cuns argumentos moi febles" ao anunciar que impartirá o seu propio grado de Medicina no curso 2027-2028.
O titular de Educación confía, con todo, en reconducir a situación e recoñece que o acordo de 2015 que establece un único grado de Medicina en Santiago con docencia descentralizada "non se desenvolveu coa velocidade que debería", unha circunstancia que achaca á "falta de xenerosidade e ás inercias" das universidades galegas.
"Se sumamos recursos sanitarios, profesionais, equipamentos, gañamos todos. Se rompemos, perdemos todos. Teño confianza en reconducir a situación pero hai que ser xenerosos e ter altura de miras".
Rodríguez aposta por avanzar na docencia descentralizada en todos os hospitais universitarios de Galicia pero pide "non romper a baralla".