A Xunta abre o martes o prazo para solicitar praza nas residencias xuvenís
As solicitudes poderán presentarse desde o 24 de xuño durante un mes
Hai dispoñibles 233 prazas en Vigo, Ourense e Lugo para mozos de entre 16 e 30 anos

A Xunta de Galicia abrirá o próximo martes 24 de xuño o prazo de solicitude para acceder ás residencias xuvenís de Vigo, Ourense e Lugo.
Así o anunciou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, durante unha visita ao centro Altamar na cidade olívica.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrecerá un total de 233 prazas, repartidas do seguinte xeito: 92 en Vigo, 60 en Ourense e 81 en Lugo.
Para mozos que estuden ou traballen fóra do seu concello
Segundo indicou Meneses, a convocatoria publicarase o luns no Diario Oficial de Galicia e o prazo para presentar as solicitudes será dun mes.
Poderán optar ás prazas as persoas de entre 16 e 30 anos que, por motivos de estudo ou traballo, deban residir fóra do seu concello habitual.
A estancia abranguerá o período lectivo, excluíndo as vacacións, e incluirá aloxamento e manutención.