Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias galegas poderán matricular os seus fillos a través do móbil "en poucos días"

As familias galegas poderán matricular os seus fillos a través do móbil "en poucos días"

A medida buscará non só facilitar o procedemento, senón tamén reducir a carga burocrática dos centros

G24.gal 21/05/2025 14:00 Última actualización 21/05/2025 15:14

A Xunta lanzará "en poucos días" unha ferramenta informática para que as familias galegas poidan matricular os seus fillos en colexios e institutos. A medida buscará non só facilitar o procedemento, senón tamén reducir a carga burocrática dos centros.

Anunciouno este mércores no Parlamento galego o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, ao responder a unha interpelación formulada pola deputada do BNG Cristina Fernández Davila, quen reclamou un plan de mellora do ensino. En concreto, a nacionalista pediu aumentar o persoal especialista de atención á diversidade nos centros, que o profesorado "recupere os dereitos" conseguidos no acordo de 2007 coa Xunta -cando gobernaban PSdeG e BNG-, así como reducir as ratios de alumnos por aula na actual lexislatura.

Na súa resposta, o conselleiro recoñeceu que "hai cousas que mellorar", pero pediu ao Bloque que non "negue as evidencias", como que o sistema galego "educa en igualdade e en equidade". Neste contexto, Román Rodríguez defendeu o acordo de redución de ratios asinado en outubro de 2023 cos sindicatos CCOO, ANPE e UXT, mentres que a CIG, que é maioritario, non o ratificou. Por iso, o conselleiro lamentou que o BNG acuda ao Parlamento co mesmo "discurso negacionista" que esta organización: "É un sindicato que ten un partido". Por iso, fronte ás peticións da deputada do BNG que demandaba reducir ratios e máis atención á diversidade, o titular de Educación cuestionou: "Parece que agora son vostedes os que defenden o acordo, o cal é curioso, porque non o quixeron asinar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade