A matriculación por móbil xa estará operativa en Galicia para o curso que vén
A Consellería de Educación e AMTEGA presentaron o formulario dixital que se poderá empregar a partir do 20 de xuño
Será valido para todas a etapas do ensino desde infantil ata bacharelato e FP
Mantense tamén a opción de matriculación polo sistema tradicional
No curso 2025-2026 xa se poderá facer a matriculación de maneira dixital a través do móbil en todas as etapas do ensino.
Os responsables da Consellería de Educación e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentaron a aplicación que permitirá formalizar o proceso a partir do próximo 20 de xuño.
Como xa adiantara o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades, e FP, Román Rodríguez, no pleno do Parlamento de Galicia, as familias galegas poderán formalizar a matrícula escolar dos seus fillos en colexios e institutos para o próximo curso a través do teléfono móbil.
A habilitación deste novo sistema operará para todas as etapas desde infantil ata bacharelato e Formación Profesional a partir do 20 de xuño.
Suporá “un avance” tanto para as familias como para os centros educativos ao dispoñer dunha nova fórmula que convivirá cos trámites en papel para aqueles que así o desexen.
O prazo de matrícula nos centros escolares para o vindeiro curso é do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de infantil e primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e bacharelato.
O conselleiro destacou tamén que esta nova acción forma parte do paquete de medidas de redución da burocracia, un obxectivo recollido no acordo de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais.
En concreto, resaltou Román Rodríguez, contribuirá de xeito significativo a reducir a carga de traballo dos centros e facilitar a súa xestión interna.
