Decretan a situación 2 no incendio da Pobra do Brollón que xa calcinou 100 hectáreas
Comezou en Abrence, na Pobra, e avanza cara os núcleos de Golmar, tamén na Pobra, Conceado e San Pedro, en Quiroga
As lapas obrigaron a interromper a liña de tren entre Monforte e Ponferrada
En Ourense quedan dous incendios activos en Avión e Pena Trevinca, tras a estabilización do de Chandrexa
Activan o nivel dous de emerxencia por un incendio que comezou este martes na Pobra do Brollón.
O incendio comezou no lugar de Abrence e avanza cara Quiroga.
Nestes momentos pon en perigo os lugares de de Golmar, tamén na Pobra, e as aldeas de Conceado e San Pedro, en Quiroga.
As lapas obrigaron a interromper a liña de tren entre Monforte e Ponferrada.
— INFOAdif (@InfoAdif) August 25, 2025
Para a extinción deste incendio mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 10 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 8 avións.
Na provincia de Ourense quedan dous incendios activos tras dar por estabilizado este mediodía o de Chandrexa de Queixa-Vilariño.
Avión-Nieva consumiu xa 150 hectáreas
Desde as 17.09 horas de onte domingo está activo un lume no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 3 técnicos, 18 axentes, 27 brigadas, 16 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 6 avións.
Carballeda de Valdeorras-Casaio chega ás 4.700 hectáreas
Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.700 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 47 axentes, 83 brigadas, 37 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.
Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e o de Vilariño de Conso-Mormentelos: 19.000 ha
Desde as 13.01 horas de hoxe permanece estabilizado na súa totalidade o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos). Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 171 axentes, 229 brigadas, 121 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Larouco-Seadur: 30.000 ha
Desde as 11.25 horas do sábado 23 permanece estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 244 axentes, 319 brigadas, 249 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín: 17.000 ha
Este lume continúa estabilizado na súa totalidade. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 163 axentes, 228 brigadas, 140 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Mezquita-A Esculqueira:10.000 ha
Segue estabilizado, desde as 21.20 horas do venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 52 axentes, 74 brigadas, 59 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas: 4.000 ha
O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 110 axentes, 192 brigadas, 104 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Vilardevós-Vilar de Cervos: 900 ha
Permanece estabilizado desde as 23.44 horas do martes 19 o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.
Carballedo-A Cova: 100 ha
Desde as 11.30 horas de onte domingo permanece controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves 21 ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 24 axentes, 44 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.
Riós-Fumaces e a Trepa: 100 ha
Controlado desde as 15.56 horas de onte domingo o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Riós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Riós-Trasestrada: 40 ha
Permanece controlado, desde as 12.30 horas de onte domingo, o lume que comezou o luns 18 ás 14.33 horas no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 4 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
Montederramo-Paredes: 120 ha
Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Vilardevós-Moialde: 600 ha
Ás 21.20 horas do venres 22 deuse por controlado o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 44 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Maceda (Santiso e Castro de Escuadro): 3.500 ha
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 87 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Vilaboa-Santa Cristina de Cobres: 70 ha
Ás 11.36 horas de hoxe luns quedou controlado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, que se iniciou o xoves 21 ás 16.37 horas e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar, unha situación xa desactivada. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 70 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 26 axentes, 47 brigadas, 42 motobombas, 2 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).