O BNG pide unha comisión de investigación sobre os incendios e o PSdeG denuncia o "abondono" do rural
O BNG pide unha comisión de investigación sobre os incendios e o PSdeG denuncia o "abondono" do rural
Pontón reclama que o presidente da Xunta explique no Parlamento sobre "a falta de prevención" e por que non se mobilizaron os medios necesarios
Besteiro denuncia que o PP leva 17 anos na Xunta sen xestionar o rural
O grupo parlamentario do BNG solicitará a creación dunha comisión de investigación na Cámara galega polos incendios deste verán e volveu a urxir a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por esta mesma cuestión.
Así o avanzou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, despois dunha reunión con varios dos deputados do seu grupo para avaliar a crise dos lumes e analizar propostas para a recuperación das zonas afectadas, o sistema de emerxencias e os cambios en prevención e xestión do territorio.
A dirixente do Bloque incidiu na necesidade de activar esta comisión de investigación para “analizar ben os erros que se cometeron” durante a vaga de incendios que empezou o 8 de agosto en Galicia e que arrasou xa case 92.000 hectáreas, segundo os datos de Medio Rural.
Os nacionalistas cren necesaria esta comisión aínda que tamén sinalan que é importante que a Xunta explique o motivo polo que non seguiu as recomendacións emanadas do ditame final da comisión, que se creou tras a vaga de incendios de outubro de 2017, e que contou co apoio de PPdeG e PSdeG, pero que foi rexeitado por En Marea e BNG.
“O señor Rueda terá que dar conta de por que non é capaz de aplicar as recomendacións dos seus propios expertos”, dixo Pontón que insistiu en que o seu partido pedirá esta comisión en aras “da transparencia” porque esa é a súa función como grupo líder da oposición.
En todo caso, a líder do BNG tamén puxo o foco na importancia de que o presidente da Xunta compareza en sede parlamentaria “canto antes” xa que, ao seu xuízo, “permanece desaparecido” das súas responsabilidades ante a Cámara mentres o PP, con todo, esixe a comparecencia de ministros no Congreso a pesar de que non teñen competencias sobre xestión forestal e extinción de incendios.
Segundo Pontón, os galegos “temos dereito a coñecer a verdade” fronte a un PP que “en cada catástrofe usa a mentira para esconder a súa responsabilidade”.
Considerou que Rueda ten que explicar na Cámara “por que non se fixeron os labores de prevención necesarias, "por que en época de máximo risco non se despregou todo o operativo e por que non se mobilizaron todos os medios", entre outras cuestións.
Tamén cre que se debe dar conta da xestión forestal e o motivo polo cal o monte non estaba “limpo” e “ordenado” xa que, deste xeito, evitouse que os incendios alcanzasen as dimensións dos grandes incendios deste verán.“Esta ineficacia e esta incompetencia non se poden tolerar porque desa incompetencia” derivou a “situación tan grave que puxo en risco a vida de tantas persoas”.
Por último, Pontón pediu ao Goberno galego que asuma as súas responsabilidades e ademais que apure para aprobar as axudas anunciadas para as persoas e explotacións afectadas polos incendios e mostrou a súa preocupación pola “falta de dilixencia” da Xunta neste sentido.
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considera que cada hectárea que arde nos incendios forestais que arrasan Galicia este verán é "unha mostra da incompetencia" dos 17 anos do PP na Xunta por "non xestionar o rural e abandonalo".
Durante unha visita esta mañá a Vilamartín de Valdeorras, referiuse ao "panorama de devastación" que se ve na parroquia de San Vicente de Leira, a "zona cero" dos incendios no municipio onde hai unhas 120 edificacións queimadas e "toda a desolación dun panorama de auténtica guerra", lamentou.

Besteiro criticou a "política de mentiras e botar balóns fóra" do Goberno galego e advertiu de que ten que acabar "asumindo responsabilidades" por esta onda de incendios, xa que está detrás a "desatención e o abandono do rural" que conduce aos montes sen coidado, nin xestión forestal adecuada, e ao despoboamento.
Por parte do PSdeG, expuxo un "plan transversal" de todas as consellerías para apostar por este medio rural e tamén ofrecer "formación e protección" á cidadanía ante os incendios, así como "investir máis en prevención" ao contrario do que cre que fixo a Xunta de "investir máis en extinción".
Con este obxectivo, o PSdeG celebrará a principios da próxima semana unha reunión de todos os seus alcaldes en Ourense para intercambiar as súas opinións e esixir políticas reais de prevención e investimento no rural para que esta situación non se volva a producir.