Un dos bombeiros forestais feridos en Oímbra recibe a alta hospitalaria
Os seus compañeiros seguen ingresados xunto cun novo ferido noutro incendio
O bombeiro de 18 anos é o que está máis grave, con queimaduras de terceiro grao case na metade do corpo

Un dos bombeiros forestais feridos no incendio de Oímbra, que ten 23 anos, recibiu a alta hospitalaria. Os outros dous seguen ingresados, xunto cun novo ferido noutro incendio na Unidade de Queimados no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), un deles moi grave.
Segundo o parte médico, o bombeiro que recibiu a alta ten queimaduras de segundo grao no 15 % do seu corpo. Tamén presentaba unha intoxicación por inhalación de fume xa resolta e evoluciona favorablemente.
Os seus compañeiros seguen ingresados no CHUAC. O máis novo, de 18 anos, ten queimaduras de terceiro grao no 40 % do seu corpo e tamén presenta intoxicación por inhalación de fume. O prognóstico é moi grave.
Por outro lado, o bombeiro de 26 anos ten queimaduras de segundo grao no 15 % do seu corpo. A súa intoxicación por inhalación de fume está resolta e está estable con prognóstico grave.
Por último, o bombeiro de 46 anos, ferido o pasado luns 18 de agosto, continúa na Unidade de Queimados do CHUAC. As queimaduras de segundo grao que presenta afectan o 10 % do seu corpo, a súa intoxicación por fume xa foi resolta e tamén está estable con prognóstico grave.