Denuncian inseguridade no barrio coruñés dos Mallos na contorna dun narcopiso
O ambiente na rúa coruñesa de Ramón Cabanillas leva meses condicionado, segundo a denuncia de veciños, pola existencia dun narcopiso no edificio 13. Ademais da comunidade directamente prexudicada, os problemas de inseguridade esténdense, polo que contan, aos viandantes.
Ana Fernández Neira, presidenta da Asociación de Veciños Independente Mallos-Vioño, explica a situación que están a vivir.
Segundo di, a peor parte lévana o resto de residentes do número 13 polo constante entrar e saír de persoas, supostamente, para mercar estupefacientes, e por molestias: desde a apertura do portal a patadas, ata o consumo de droga en zonas comúns. E tamén contan experiencias complicadas na rúa.
O ambiente de preocupación crece tamén ante os roubos a establecementos, como o intento nunha pastelería que quedou no dano da rotura do escaparate e dous días pechada. O seu dono, leva un ano aquí, descoñece o móbil da acción. Recoñece que nos últimos meses a rúa non ten a tranquilidade de cando empezou a actividade.