O desmantelamento de tres puntos de venda e distribución de droga en Sada e Gandarío deixa cinco detidos
O desmantelamento de tres puntos de venda e distribución de droga en Sada e Gandarío deixa cinco detidos
A operación Chaburra comisa 2.298,7 gramos de heroína, 570,9 gramos de cocaína, 3.140 gramos de haxix e 44 gramos de marihuana
Interviñéronse armas consideradas prohibidas: unha táser, unha defensa extensible e unha navalla bolboreta de 12,5 centímetros, básculas de precisión, envasadoras ao baleiro e numerosos terminais móbiles
Tras pasar a disposición xudicial, ingresaron en prisión dous dos cinco detidos
Substancias estupefacientes e material comisados pola Garda Civil na operación Chaburra, en Sada e Gandarío
A Garda Civil, en colaboración co Equipo Territorial de Policía Xudicial de Betanzos, logrou a desarticulación de dous puntos de venda de droga polo miúdo en Sada e un centro de distribución almacenista en Gandarío (A Coruña) e a detención de cinco persoas.
Segundo informou este luns a Garda Civil, a investigación da operación Chaburra iniciouse o ano pasado tras as reiteradas queixas de veciños de Sada pola inseguridade e a trasfega de consumidores na zona.
Así se confirmou a existencia de dous domicilios que funcionaban como narcopisos, un deles ocupado ilegalmente.
Na madrugada do pasado 22 de xaneiro procedeuse á entrada e rexistro simultáneo de dúas vivendas en Sada, así como nun terceiro inmoble en Gandarío, lugar de residencia do principal provedor das substancias.
A operación saldouse coa detención de cinco persoas -catro moradores dos inmobles de Sada e o subministrador de Gandarío-, e coa incautación de 2.298,7 gramos de heroína, 570,9 gramos de cocaína, 3.140 gramos de haxix e 44 gramos de marihuana.
Ademais de substancias estupefacientes, interviñéronse armas consideradas prohibidas polo Regulamento de Armas: unha táser, unha defensa extensible e unha navalla bolboreta de 12,5 centímetros. Tamén básculas de precisión, envasadoras ao baleiro e numerosos terminais móbiles.
Tras pasar a disposición xudicial, decretouse o ingreso en prisión de dous dos cinco detidos.