Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miden a presenza de gas radón nun cento de locais de Lugo

Miden a presenza de gas radón nun cento de locais de Lugo

Durante os vindeiros meses, uns detectores recollerán o nivel de concentración no aire nos negocios asociados a Lugo Monumental

Detector colocado nunha tenda de roupa infantil do centro da cidade
Félix Aragunde. Imaxe: Jose Lamas. 29/01/2026 21:21 Última actualización 29/01/2026 21:33

Incoloro, inodoro e insípido, o radón é un gas radiactivo que só se pode detectar por acumulación en espazos pechados. Posto que figura entre as principais causas do cancro de pulmón, un cento de negocios asociados a Lugo Monumental decidiron medir a concentración deste elemento nocivo nos seus locais.

As empresas con persoal contratado están obrigadas a realizar as medicións, pero moitos autónomos tamén se sumaron a esta iniciativa pioneira.

"Sei que non é obrigatorio, porque non teño empregados, pero púxeno máis que nada pola miña tranquilidade e pola miña propia saúde. Trátase de que mo miren e a ver que me din", sinala a comerciante Puri Méndez. 

"No meu caso teño unha empregada, e entón por obriga teño que facelo. En conxunto, sae moito mellor, pois conseguimos mellor prezo", engade Nerea Cabanas, propietaria dunha óptica. 

"Moitos autónomos fixérono pola súa propia seguridade, porque o gas radón é perigoso. É a segunda causa do cancro de pulmón. Ademais, grazas a ser tantos, porque se fixo unha boa campaña, ten un prezo moi reducido", subliña Luis Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental. 

A única empresa galega que realiza este tipo de medicións, radicada en Narón, foi a encargada de instalar os detectores. Se a concentración no aire supera o nivel máximo permitido, daquela os negocios deberán tomar medidas para reducir a presenza de gas radón, que poden pasar por unha maior ventilación ou mesmo facer unha obra nos casos máis extremos. 

"Eu medín moitos locais con valores de 6.000 becquerelios por metro cúbico, vinte veces a concentración máxima recomendada. Neses caso, pódese aconsellar abrir a porta, pero pode facer moito frío ou moita calor, así que hai outras solucións. Pódense facer arquetas para extraer o aire ou impermeabilizar o chan con membranas especiais", explica Gonzalo Guzmán, director técnico do laboratorio que fai as medicións. 

Segundo o Consello de Seguridade Nuclear, máis do 90 por cento dos municipios galegos están clasificados como de actuación prioritaria para a medición do gas radón.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade