Julio Rodríguez avoga polo periodismo "de sempre" ao recoller o Premio Diego Bernal
O xornalista Julio Rodríguez recibiu este xoves o premio Diego Bernal que concede a Asociación de Periodistas de Galicia. Actual director de Atlantico Diario e subdirector e director dos Informativos da Televisión de Galicia entre 1999 e 2005, o xurado destacou do galardoado o "seu talento, intuición, sagacidade e capacidade de traballo, así como o seu temperamento".
Tras recoller o premio de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o premiado avogou polo xornalismo "de sempre e de proximidade".
Julio Rodríguez, que se definiu como o fillo duns panadeiros dunha vila de Ourense que se fixo xornalista, reidindicou o xornalismo que "contrasta as fontes, que traballa con independencia, que coida os lectores e a audiencia e que mantén posicións éticas tendo en conta que non todo vale".
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta puxo o galardoado de exemplo do xornalismo que se fai en Galicia, "máis tranquilo e menos crispado sen renunciar á defensa de posturas firmes, dixo. Alfonso Rueda destacou tamén a relación de "transparencia" que hai entre os medios de comunicación da comunidade e o Goberno galego.