Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Sirāt', de Oliver Laxe, triunfa nos premios Gaudí de cine

'Sirāt', de Oliver Laxe, triunfa nos premios Gaudí de cine

Romería, con participación da TVG, levou un galardón

O actor galego Mario Casas, Mellor Protagonista Masculino por Molt lluny

 

 

O equipo de 'Sirāt' posa cos galardóns conseguidos tras a gala de entrega dos premios Gaudí celebrada en Barcelona (EFE/Toni Albir) O equipo de 'Sirāt' posa cos galardóns conseguidos tras a gala de entrega dos premios Gaudí celebrada en Barcelona (EFE/Toni Albir)
G24.gal 09/02/2026 01:19 Última actualización 09/02/2026 08:36

A película Sirāt, dirixida polo galego Oliver Laxe, levou este domingo co premio Gaudí á Mellor película en lingua non catalá e, no cómputo total de premios, foi a vencedora da noite, xa que conseguiu oito galardóns.

Outras sete categorías, principalmente técnicas, logrou a película dos ravers no deserto: mellor dirección artística, mellor son, mellores efectos visuais, mellor fotografía, mellor música orixinal, mellor dirección de produción e mellor produción artística.

Sirāt atópase en plena carreira previa dos Óscares tras conseguir dous nomeamentos (mellor película estranxeira e mellor son), e, polos seus compromisos nos Ánxeles, parte do equipo, incluído o director Oliver Laxe, ausentáronse desta cerimonia dos Gaudí.

Mario Casas, Mellor actor polo seu traballo en Molt lluny 

Tamén o actor galego Mario Casas triunfou na gala ao gañar o premio Gaudí a mellor actor polo seu traballo na película Molt lluny, dirixida por Gerard Oms, en que se pon na pel de Sergio, un mozo que viaxa a Utrecht e antes de retornar a Barcelona sofre un ataque de pánico e decide quedar na cidade neerlandesa.

Mario Casas recibe o premio ao Mellor Protagonista Masculino pola película 'Molt lluny'. EFE/Toni Albir Mario Casas recibe o premio ao Mellor Protagonista Masculino pola película 'Molt lluny'. EFE/Toni Albir

Romería, un de trece

A película que partía como favorita con 13 nomeamentos, Romería, de Carla Simón, con participación da Televisión de Galicia, só conseguiu un premio, o de mellor interpretación revelación para Llúcia Garcia. Un balance moi distinto ao que conseguiu nos Gaudí con Alcarràs, en 2023, con cinco galardóns.

Outro dos nomes da gran noite do cinema catalán foi o de Albert Serra, quen coas súas Tardes de soledad fíxose co premio ao mellor documental e co de mellor montaxe.

Sorda, unha historia intimista sobre a discapacidade auditiva, tamén conseguiu levar para a casa ata tres premios: mellor actor secundario (Álvaro Cervantes), mellor guión adaptado e mellor dirección (Eva Libertad).

Frontera, de Judith Colell, deu a sorpresa ao conseguir o premio a mellor película en lingua catalá. A cinta de Colell estaba proposta en oito categorías, das que conseguiu tres (película en catalán, actriz secundaria e vestiario), ademais do premio especial do público, que se outorga mediante a votación dos espectadores.

Defensa da inmigración

A XVIII dos premios Gaudí celebrouse no Gran Teatre del Liceu, un escenario especial que, ademais de vestirse de cinema coa tradicional alfombra vermella, tamén foi o palco das actuacións de artistas como Joan Dausà, Marina Rossell, Maria Arnal, Salvador Sobral e Magalí Sare.

A premio de Honra Sílvia Munt foi unha das voces que nesta gala falou do momento escuro que vive o mundo e do que axuda a refuxiarse o cinema.

Entre outras reivindicacións, incluídos os dereitos das persoas con discapacidade, varios foron os galardóns ou presentadores de premios que reivindicaron os dereitos das persoas migrantes.

Entre outras, a gañadora a Mellor actriz, Ángela Cervantes (La Furia), quen quixo dar as grazas ás persoas migrantes polo sacrificio de saíren do seu país e viren a traballar e a vivir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade