Preocupación pola estabilidade dun noiro na traseira dun edificio de Vigo
O Concello de Vigo esixe obras de consolidación do noiro para evitar novos desprendementos de pedras
O noiro quedou logo do desmonte acometido para a construción dun edificio no que a Xunta promoveu vivendas públicas, unhas para venda e outras para alugueiro
Os residentes que teñen piso en propiedade reclámanlle á Xunta que colabore co custo da obra, xa que foi a promotora do predio
Poucas son as noites en que a inquilina do baixo que dá a este patio logra durmir tranquila nos case corenta anos que vive aquí. "Iso está desprendéndose. Hai unha pedra aí que en calquera momento vén abaixo. Se esa pedra cae, xa non quero nin pensar, os primeiros en enterrarnos xa somos nós. Así non podemos estar, sempre coa tensión de que caia todo", asegura unha das veciñas máis afectadas, xa que vive no baixo do inmoble, xusto ao pé do noiro, onde acaban as pedras que se desprenden.
O edificio foi adquirido pola Xunta de Galicia logo de que un promotor privado o abandonase a medio facer. A Administración autonómica asumiu daquela a promoción pública de 34 vivendas, que unha parte vendeu e outra entregou en alugueiro. Logo das queixas da veciña máis afectada, o concello de Vigo esixe que se estabilice o noiro para evitar males maiores.
"A Xunta non se preocupou de arranxalo. Agora dende o concello, porque houbo unha denuncia, esíxennos que consolidemos o muro para que non caia ningunha pedra máis", sinala Carmen Muíños, unha das veciñas que adquiriu en propiedade unha vivenda de promoción pública.
A obra consistiría nunha malla metálica, inxectada en formigón para tapar as fendas e evitar desprendementos. Pero o seu custo dispárase porque sería preciso un quindastre para acceder á parte traseira do predio. Un diñeiro que os propietarios din que non teñen, por iso piden que a Xunta asuma a súa parte como promotora. "Somos pensionistas, xubilados, eu son viúva, e non dispoñemos deses cartos que lles tocaría a cada propietario para pagar esa obra", asegura Carmen.
Con preocupación viven tamén os residentes no edificio da parte superior do noiro, que xa existía cando se fixo o desmonte no pé das súas casas. O Concello de Vigo ameazou con impoñer multas se non se acomete a obra coa maior celeridade.