Piden non molestar dous golfiños solitarios que viven na ría de Arousa
A Cemma alerta de que a femia adulta podería estar enferma e reclama precaución a navegantes e bañistas
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) fixo un chamamento a non molestar dous golfiños solitarios, unha femia adulta e a súa cría, que se atopan na ría de Arousa.
En maio de 2024 foron detectados dous exemplares de Tursiops truncatus no porto da Guarda, que logo se desprazaron a Baiona antes de asentarse de forma estable na ría arousá.
Ladeira e Ladiña levan ano e medio soas
Os dous animais, bautizados como Ladeira e Ladiña, levan case ano e medio vivindo soas, polo que a Cemma solicita “manter o máximo respecto e evitar achegarse” para non interferir no seu comportamento natural.
A organización pide especial precaución a pescadores, navegantes e nadadores, sobre todo cando a femia adulta permanece parada descansando durante longos períodos, un comportamento que atribúen a unha posible enfermidade, e insiste en que non se debe exercer presión sobre o animal.
"Ten que parar na superficie para descansar durante horas, ao mellor catro ou cinco horas, e despois segue a viaxe. Iso chama a atención dos mariñeiros e dos paseantes e xera moita alarma"
Levan ano e medio vivindo soas, afastadas da manda e móvense polo interior da ría de Arousa. O último avistamento foi o luns no porto de Vilaxoán. Se as ven, manteñan a distancia para non xerarlles estrés engadido.
"O peor que podes facer é achegarte cando está parada na superficie porque iso a activaría e buscaría moverse. Ela o que precisa é descansar para poder seguir a súa vida"
O CEMMA pide que non se desvirtúe a súa natureza salvaxe e desmente categoricamente que se trate de animais escapados dun acuario ou alimentados polo home.