Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denunciado o patrón dun arrastreiro galego por capturar 18 golfiños e catro peixes espada

Denunciado o patrón dun arrastreiro galego por capturar 18 golfiños e catro peixes espada

A Garda Civil detectou as infraccións a través dun vídeo colgado en redes sociais pola organización ecoloxista Sea Shepherd

Os feitos sucederon o pasado 18 de marzo, cando a embarcación traballaba a uns 30 quilómetros ao oeste das illas Cíes

(Garda Civil) (Garda Civil)
G24.gal 08/05/2025 10:38

O Servizo Marítimo da Garda Civil denunciou o patrón dun barco de arrastre con base nun porto da provincia da Coruña, tras constatar que capturou polo menos 18 golfiños comúns e catro exemplares de peixe espada en augas próximas a Galicia.

Trátase dunha investigación iniciada o pasado 25 de marzo de 2025, despois de que a Comandancia da Garda Civil da Coruña tivera coñecemento da difusión en redes sociais de dous vídeos por parte da organización ecoloxista Sea Shepherd, en que se observaba a captura de varios golfiños por parte de dous pesqueiros.

Tras analizar as gravacións orixinais facilitadas pola organización, os axentes verificaron que o día 18 de marzo de 2025, arredor das 16:30 horas, durante a manobra de izado da rede do pesqueiro, subíronse a bordo e posteriormente lanzáronse ao mar polo menos 18 golfiños comúns xa mortos. A embarcación atopábase entón a uns 30 quilómetros ao oeste das illas Cíes.

Así mesmo, detectouse a captura por parte do mesmo barco de polo menos catro exemplares de peixe espada.

Unha vez finalizado o estudo das gravacións, solicitáronse copias das declaracións de desembarque e actividade (DEA) dos arrastreiros implicados ese día, sen que constase nestes documentos ningunha interacción con cetáceos.

Por estes feitos, a Garda Civil tramitou diversas infraccións ao amparo da Lei 3/2021, de Pesca Marítima do Estado. Primeiro, por non cumprimentar o DEA ou facelo incumprindo a normativa, ao non declarar polo menos 18 cetáceos izados na rede xa sen vida.

Tamén incumpriu a orde APA/1200/2020, por non manter os exemplares mortos a bordo para a súa entrega en terra para análise científica, a pesar de que a embarcación tiña capacidade para iso.

Así mesmo, o patrón será denunciado pola captura e retención a bordo de catro exemplares de peixe espada, cando a autorización da embarcación permitía a captura dun só por marea e buque.

Sea Shepherd di que é "fundamental" recoñecer a captura de golfiños como un problema real

A ONG Sea Shepherd Francia acolleu "con satisfacción esta noticia" e agradeceu a Garda Civil "a súa capacidade de resposta nesta investigación".

Así o indicou un portavoz da organización, Thomas Le Cod, quen valorou positivamente que a "seriedade" do traballo que realizan sexa "recoñecida publicamente". Tamén criticou que pescadores e medios de comunicación cuestionasen "a veracidade dos feitos" que denunciaron co vídeo dos pesqueiros galegos.

Para Sea Sheperd, é "fundamental recoñecer que a captura de golfiños nos barcos de pesca de arrastre é un problema real" e buscar "solucións xuntos". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade