Detido en Lugo por vender cocaína a bordo dun patinete eléctrico
Coa detención deste individuo dáse por desmantelado un punto de venda de drogas na zona da avenida das Fontiñas

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron un individuo que, supostamente, se desprazaba a bordo dun patinete eléctrico para realizar vendas de droga, en concreto de cocaína, por diversos lugares da cidade de Lugo.
Segundo a información facilitada este luns pola Comisaría Provincial de Lugo, coa detención deste individuo dáse por desmantelado un punto de venda de drogas na zona da avenida das Fontiñas.
Esta detención foi posible grazas ao traballo de prevención que realiza a Policía Nacional na cidade, cuxos axentes detectaron “certos movementos” que os fixeron sospeitar da existencia dun posible “punto de venda de drogas na zona sur da cidade”.
Precisamente por ese motivo púxose en marcha un dispositivo de vixilancia e, despois de varias días, os axentes que formaban parte do operativo puideron comprobar que efectivamente estaban a venderse drogas nun punto da avenida das Fontiñas.
Foi identificado o sospeitoso e posteriormente detido. No transcurso do operativo, fóronlle intervidas varias doses de cocaína preparadas para a súa venda e diñeiro en metálico, supostamente procedente do comercio con drogas.
Unha vez practicada a súa detención, a Policía Nacional mantivo a vixilancia sobre a súa contorna e interveu diverso material utilizado para preparar a droga para a súa venda, mesmo diversos medicamentos que supostamente eran utilizados para cortar a droga.