A Universidade de Vigo pedirá o grao de Medicina se non hai novo convenio de descentralización nun mes
A Universidade de Vigo pedirá o grao de Medicina se non hai novo convenio de descentralización nun mes
O Consello de Goberno aprobou a expresión de interese e fixa un prazo límite para o acordo coas outras universidades e a Xunta
A institución reclama máis profesorado propio e compensación económica para evitar custos adicionais
DUVI-UVIGO
A Universidade de Vigo solicitará oficialmente o grao de Medicina se, no prazo dun mes, non se chega a un acordo para formalizar un novo convenio de descentralización da docencia no segundo ciclo da titulación.
Así o aprobou este venres o Consello de Goberno da institución académica, nunha sesión extraordinaria na que se deu luz verde á expresión de interese para implantar o grao.
Segundo explicou o reitor, Manuel Reigosa, esta decisión fixa unha data límite para que frutifiquen as negociacións entre as tres universidades galegas e as consellarías de Sanidade e Educación.
Proposta dun acordo de tres cursos e máis profesorado propio
No marco das negociacións, a Universidade de Vigo propón un pacto de tres cursos académicos -fronte aos dez anos do convenio anterior-, ao remate dos cales debería existir unha descentralización efectiva da docencia de cuarto, quinto e sexto de Medicina.
Ademais, reclama que polo menos o 50 % do profesorado vinculado -titulares, académicos, persoal permanente laboral e asociado- contratado para impartir docencia no CHUVI dependa da UVigo.
Tamén pide que, xunto coa transferencia de fondos do Sergas, a Xunta compense a universidade fóra do plan de financiamento, para evitar que esta actividade supoña un custo adicional.
Entre as demandas adicionais inclúense cláusulas de equiparación salarial, a garantía de que non se autoricen graos privados de Medicina en Galicia e o establecemento de prazos e compromisos que eviten incumprimentos do novo convenio.
Pola súa parte, a UVigo comprométese a non facer efectiva a solicitude de implantación do grao mentres estea en vigor o acordo, salvo que se vulneren as condicións pactadas. Nese caso, a universidade quedaría libre para pedir a titulación, preservando os dereitos do alumnado.
A sesión extraordinaria, que durou máis de dúas horas, contou con numerosas intervencións.
A catedrática de Inmunoloxía África González apostou por solicitar xa o grao, advertindo de que Galicia necesita máis médicos e que a descentralización da docencia non resolve esa carencia.
Outros representantes coincidiron en reclamar a implantación inmediata e alertaron de que mentres a UDC avanza, a UVigo “perde tempo”, pedindo unha declaración de interese non condicionada.