A UVigo aproba a descentralización da docencia de Medicina e estará "vixiante"
O acordo saíu adiante por asentimento (sen necesidade de realizar unha votación formal) tras a exposición do reitor da UVigo, Manuel Reigosa
DUVI-UVIGO
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, nunha reunión extraordinaria, aprobou este martes o acordo para a descentralización da docencia do Grao de Medicina, un proceso sobre o que estará "vixiante" xa que, se non se cumpren as condicións pactadas, reclamará unha titulación propia.
O acordo saíu adiante por asentimento (sen necesidade de realizar unha votación formal) tras a exposición do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e as intervencións doutros membros do Consello de Goberno.
Reigosa lembrou que o acordo das tres universidades galegas e a Xunta implica que durante tres anos a de Vigo e A Coruña renuncian a ter unha facultade propia, pero con cláusulas de saída que son individuais, é dicir, que cada unha das institucións académicas pode romper o pacto se non se cumpre o acordado.
"Imos estar vixiantes", trasladou o reitor, quen advertiu de que "un ten que aprender da experiencia" e se entre 2015 -data do anterior acordo- e 2025 a descentralización foi "cero", aínda que "entón sen calendario, nin penalizacións nin cláusula de saída", deben ter "preparada unha alternativa para non perder nin un segundo".
Por iso seguirán, indicou, traballando en paralelo por ter unha Facultade de Medicina propia.
Unha petición do título de Medicina que a UVigo chegou a enviar á Xunta co compromiso de deixalo "na neveira" se as tres universidades, como pasou, chegaban a un acordo sobre a descentralización.
"Chegamos onde podiamos chegar neste acordo; é bo para o alumnado galego", sentenciou Reigosa, que se mostrou "de acordo" coas peticións que realizou a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, como que sexan os alumnos os que teñan a "capacidade de elixir" a Universidade en que queren estudar.
Neste sentido mostrouse convencido de que "vai haber máis estudantes que queiran vir a Vigo que os que podamos admitir".
Tamén defendeu que en Galicia "non se deberían implantar máis títulos na (universidade) privada, moi especialmente Medicina".
Aprobado polas tres universidades galegas
O acordo para a descentralización de Medicina quedou así aprobado polas tres universidades públicas galegas.
O pasado venres recibira o visto e prace do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela e, previamente, o da Universidade da Coruña.
O acordo recolle un calendario explícito para alcanzar a descentralización da docencia, teórica e práctica, do 4º, 5º e 6º curso do Grao en Medicina, que debería completarse no curso 2028-29.
Tamén inclúe a creación de unidades docentes compartidas con persoal docente e investigador das tres universidades, o que implicaría que en Vigo esta estaría integrada por persoal tanto da UVigo como da USC, así como que a contratación do profesorado necesario para cada unidade realizaríase ao 50 % entre as dúas universidades implicadas e co financiamento da Xunta.