Publicador de contidos

Publicador de contidos

A USC dá luz verde á descentralización de Medicina nun consello extraordinario

A USC dá luz verde á descentralización de Medicina nun consello extraordinario

Antonio López agradeceu aos membros da Xunta de Facultade "a súa visión e responsabilidade", tras decidir por 64 votos a favor, 21 en contra e 4 votos en branco, cumprir co acordo

"Este será, sen dúbida, o primeiro paso para converter a Facultade de Medicina da USC na Facultade de Medicina de Galicia", afirmou o reitor

O reitor da USC, Antonio López (Efe-Xoán Rey) O reitor da USC, Antonio López (Efe-Xoán Rey)
G24.gal 19/12/2025 15:53

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago (USC) aprobou este venres o acordo entre as Consellerías de Sanidade e de Educación e as tres universidades públicas de Galicia para a descentralización da docencia de Medicina a Vigo e A Coruña.

Nunha sesión extraordinaria celebrada no San Xerome, o reitor da USC, Antonio López, agradeceu aos membros da Xunta de Facultade "a súa visión e responsabilidade" tras decidir por ampla maioría (64 votos a favor, 21 en contra e 4 votos en branco), cumprir co acordo asinado nas últimas semanas.

Desta maneira, iníciase o camiño da descentralización da docencia ata completar os cursos de cuarto e quinto, ademais do sexto, xa descentralizado.

"Este será, sen dúbida, o primeiro paso para converter a Facultade de Medicina da USC na Facultade de Medicina de Galicia", afirmou o reitor.

Este acordo vén acompañado dunha folla de ruta aprobada este xoves pola Xunta de Facultade e este venres polo propio Consello de Goberno, coñecida polos ministerios e as universidades, que inclúe as consideracións realizadas pola Facultade sobre o procedemento para lograr unha descentralización da docencia en Medicina que non afecte negativamente a un ensino "recoñecido pola súa excelencia".

O texto asinado inclúe a folla de ruta que seguirá a comisión de seguimento, que se poñerá en marcha o próximo xaneiro e reitera a dependencia das unidades docentes da Facultade de Medicina e Odontoloxía e a necesidade de definir as súas funcións e coordinación.

Ademais, entre outros puntos, incorpórase a participación na comisión, con voz e voto, dun representante estudantil.

"Todos estamos de acordo en que os estudantes teñan voz e voto nesta comisión de seguimento e non vai haber ningún problema en garantir que os estudantes poidan superar as materias pendentes", dixo López.

Tamén se establece a necesidade de "un réxime transitorio especial" para o grupo matriculado no momento da firma do convenio, polo que a asignación ás unidades docentes neste proceso de descentralización realizarase segundo as súas preferencias.

Informes sobre necesidades

Finalmente, este documento de traballo tamén destaca, entre outras cuestións, a necesidade de aprobar informes sobre necesidades de persoal, infraestrutura, económicas e de impacto.

Preguntado polo cambio de actitude da Facultade, que nun primeiro momento mostrouse contraria á descentralización, López afirmou que os escollos estaban na negativa á posibilidade de que "profesorado doutras universidades puidese participar nun 50-50" nas unidades docentes, un termo esencial no acordo que "non se vai cambiar".

Outra das condicións é o calendario, que fixa o final do proceso de descentralización para o curso 2028-2029, algo que en opinión do reitor "hai que respectar, a menos que as cinco institucións asinantes chegasen a un acordo noutro sentido".

Para López, todo o demais ten cabida na comisión se seguimento, que analizará as trece demandas da Facultade.

O reitor, confía en que se superen as reticencias e valorou o acordo como "unha moi boa solución para a Facultade e para a titulación".

O vindeiro martes será a Universidade de Vigo a que leve o acordo ao Consello de Goberno -a Universidade da Coruña (UDC) fíxoo en novembro- e o próximo 21 de xaneiro constituirase a comisión de seguimento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade