Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Facultade de Medicina de Santiago acepta a descentralización dos estudos

A Facultade de Medicina de Santiago acepta a descentralización dos estudos

Menos dun mes despois de rexeitar a proposta, a Xunta da Facultade vota agora a favor de apoiar o acordo sobre a titulación asinado entre as tres universidades galegas

G24.gal 18/12/2025 19:45 Última actualización 18/12/2025 20:04

A Xunta da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago aprobou este xoves aceptar o acordo asinado entre as tres universidades galegas para descentralizar a docencia do grao de forma que se imparta tamén en Vigo e na Coruña

Menos dun mes despois de rexeitar a proposta, a cúpula da universidade optou por aceptar a proposta nunha votación que se realizou tras unha longa reunión e tras chamamentos ao consenso por parte do resto de administracións.

Aínda que houbo votos en contra do acordo, a intención da facultade é buscar puntos de encontro que eviten futuras solicitudes para impulsar novas facultades no sistema universitario galego.

Deste xeito, este venres reunirase a Xunta de Goberno da USC que dará o visto e prace final ao acordo. De feito, o único punto da orde do día é a aprobación, se procede, do convenio rubricado entre as tres universidades e as consellerías de Educación e Sanidade.

Cabe lembrar que o calendario aprobado polo Consello de Docencia Clínica establece a descentralización progresiva da docencia, tanto teórica como práctica, de 4º, 5º e 6º curso do grao de Medicina, que se aplicará de forma progresiva durante tres cursos.

Cando finalice a aplicación do acordo, no curso 2028/29, os tres últimos cursos do grao en Medicina impartiranse ao completo nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña. Durante este tempo, as outras dúas universidades comprométense a aprazar a petición formal dunha titulación propia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade