A USC celebra a súa primeira promoción da historia de graduados en IA
Os primeiros profesionais formados en Galicia para afrontar os retos da nova era tecnolóxica visitan na Coruña a sede da AESIA
A universidade galega celebra un fito histórico: a primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial. Son pouco máis de trinta. Acabados de saír do forno, os primeiros graduados en IA da USC explican en que consistiu a súa formación.
"Unha mestura de moitas matemáticas e enxeñería informática con materias como neurociencia e neurofisioloxía, dereito ou psicoloxía cognitiva. Nós sempre imos traballar para unha IA o máis ética posible", contan.
Este venres foron recibidos na sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, os encargados de que esta tecnoloxía evolucine ao servizo do ben común e sexa fiable.
"Traballamos tanto en expandir esta tecnoloxía como en facela segura, humanista e respectuosa dos dereitos das persoas", declara Alberto Gago, director xeral da AESIA.
"Sendo o director da AESIA, o padriño na nosa graduación, temos xa un indicador do noso propósito, xa que somos a xeración que vai ter nas súas mans o futuro", comenta Manuel Mellid, os dos graduado en IA pola USC.
Na sede coñeceron parte do persoal dedicado á loita contra os prexuízos de xénero e raza, a detección de fakes, ou a que se respecte a privacidade.
"Nin só xurídicos nin só tecnólogos, temos filósofos, temos lingüistas, temos sociólogos, entón hai que destacar a importancia dos perfís multidisciplinares", explica Alberto Gago.
"Hai catro anos en España nós fomos a quinta universidade en implantar estes estudos. Agora xa hai máis de trinta e dous. E iso demostra que ese camiño que iniciamos en 2022 era acertado", remacha Alberto Bugarín, catedrático de IA da USC.