OPINIÓN
Musk quere xuntar a Terra e o espazo, por María Bastida
Confeso que teño certa debilidade por Elon Musk. Non tanto polas súas extravagancias como porque é capaz de imaxinar o que aínda non existe e, despois, mobilizar recursos para intentar facelo realidade. Xa non lle chega con fabricar coches eléctricos, lanzar foguetes ao espazo e desenvolver intelixencia artificial. Está estudando fusionar Tesla e SpaceX para crear un xigante valorado en nada menos que 3,5 billóns de dólares.
Tamaño á marxe, o apaixonante é que Musk pretende construír unha compañía capaz de controlar practicamente toda a cadea de valor da intelixencia artificial. Desde a fabricación de chips e a produción e almacenamento de enerxía ata os centros de datos, as comunicacións por satélite, os robots e os vehículos autónomos. É o que sempre coñecemos como integración vertical: controlar diferentes etapas dunha actividade para reducir dependencias, compartir recursos e aproveitar economías de escala e de alcance.
Pero, fai falta fusionar dous xigantes para conseguir esas vantaxes? Porque Tesla e SpaceX xa colaboran e comparten tecnoloxía. Unha fusión só ten sentido económico se xuntas xeran máis valor do que producirían por separado. E outra cuestión relevante son os cartos. SpaceX facturou uns 27.000 millóns de dólares nos nove primeiros meses do ano, pero os seus investimentos acadaron os 48.000 millóns. Ollo, que investir máis do que facturas non significa necesariamente perder cartos. Pero dános unha idea das enormes necesidades de capital que esixe esta carreira tecnolóxica. Por iso, cabe preguntarse se Musk busca unicamente sinerxías industriais ou tamén reunir capacidade financeira para soster investimentos que empezan a ser colosais.
E aínda queda outro asunto pendente: os accionistas. Porque unha cousa é que esta operación resulte atractiva para Musk e outra que sexa igualmente beneficiosa para quen investiu en Tesla. Unha fusión destas dimensións tamén concentra poder, mestura riscos empresariais moi distintos e pode facer moito máis difícil valorar canto vale realmente cada negocio.
No fondo, estamos vendo algo que vai moito máis alá dunha operación empresarial. A gran competencia tecnolóxica decídese no control de ecosistemas completos. E esa é, precisamente, a parte de intuición que me fascina de Musk. Con todo, ter unha gran visión non garante un bo investimento, porque sumar dúas valoracións multimillonarias non crea automaticamente riqueza. O que crea valor é conseguir que esa unión produza mellores resultados, máis produtividade e maiores beneficios. E por moito que Musk queira levar a intelixencia artificial ata o espazo, a rendibilidade segue tendo que aterrar na conta de resultados.