Un incendio nunha casa ocupada revela os problemas que causa a droga nun barrio de Moaña
As lapas destruíron a casiña e ameazaron as construcións da contorna
Os veciños din que alí vivía un home que vende estupefacientes a pequena escala
A xente quéixase de que o narcotráfico xera liortas, roubos e altercados
O lume foi o extremo dunha cadea de problemas que, din, viven no barrio dende hai anos. Un incendio destruíu esta fin de semana unha pequena casa da Miranda, na parte alta de Moaña. Era unha casiña que levaba tempo abandonada e na que, segundo os veciños, vivía agora un home que se dedica a vender drogas a pequena escala. As lapas estragaron a construción, hoxe non quedan máis que as paredes, e a xente temeu que chegasen ás outras casas do camiño.
"Asomeime á venta, porque a miña casa está xusto enfronte e vin as lapas. As lapas! Non fume", relata unha veciña. "E vin a moza que vive na casa do lado que xa chamou a Policía".
Acudiron a Policía Local de Moaña e a Garda Civil pero non os bombeiros do Morrazo porque o parque comarcal, un día máis, estaba pechado por falta de efectivos. Si puideron ir os dous axentes de Protección Civil de Moaña, que lles pediron axuda aos seus compañeiros de Cangas. Pero os vehículos non podían chegar ata a casa, porque os camiños son moi estreitos, e tiveron que estender unha mangueira por unhas escaleiras, dende 130 metros de distancia.
"Traer auga ata aquí foi unha obra titánica", explica a xefa de Protección Civil de Moaña, Mónica Chaves. "Cando chegamos coa mangueira o prioritario era evitar que o lume se propagase á casa do lado", engade José Vicente Flores, axente da agrupación.
A veciñanza di que a casa xa levaba tempo dando problemas. Aseguran que dende hai algúns anos no barrio de Miranda existen varios puntos de venda de drogas que están a xerar inseguridade cidadá.
"Nesta rúa ás veces paran coches e hai venda de drogas. Logo noutro sitio. E hai unha escola infantil un pouco máis arriba e alí ao lado había ocupas que tamén vendían droga", afirma unha moza que hai oito anos que vive na Miranda.
A veciñanza denuncia máis problemas por culpa das drogas: pequenos roubos, liortas, estragos no mobiliario urbano e vehículos que circulan demasiado rápido por un barrio no que non hai beirarrúas.