Veciños de Lourizán, en Pontevedra, ven o barrio asolagado cando caen catro gotas
Levan once anos protestando sen que ninguén lles faga caso, e dous anos no Contencioso Administrativo
Os veciños de Lourizán, en Pontevedra, na rúa do Santo están fartos dos constantes asolagamentos, mesmo se non chove moito. Están convencidos de que moitas canalizacións se fixeron mal. Ninguén lles fai caso e víronse na obriga de acudir ao xulgado contencioso administrativo.
Nas tubaxes mestúranse pluviais e fecais e cando saltan as tapas de sumidoiro a lama que se xera ten un cheiro noxento, ademais do perigo que supón para a saúde. As choivas do último sábado de novembro encheron a zona de ratas mortas e de refugallo.
Levan máis de once anos pedindo unha solución ao concello de Pontevedra e a Augas de Galicia sen que ninguén lles faga caso. Agora non desbotan a vía penal.
Os veciños moitos deles maiores teñen medo de que haxa algún accidente que alguén esvare ou lles salte unha tapa de sumidoiro á cara ou a calquera outra parte do corpo.