Preocupación no barrio dos Rosais da Coruña pola ocupación dunha antiga sucursal bancaria
A situación suscita opinións encontradas no barrio: os que temen o efecto chamada e os que entenden que as persoas sen teito busquen acubillo se as institucións non lles dan solucións
O local está situado na confluencia da Ronda de Outeiro coa rúa Manuel Azaña. Albergou unha sucursal bancaria, pero leva 10 anos abandonada e segue tendo subministración eléctrica. Un atractivo para persoas sen teito. Xa a ocuparon hai tempo, desaloxáronos e desde hai uns días no local refúxianse polo menos dúas persoas, aínda que un dos ocupantes dicía estar só e molesto porque a xente os axexara.
No barrio, a situación suscita opinións encontradas. Os que temen o efecto chamada e os que entenden que as persoas sen teito busquen cobixo se as institucions non lles dan solucións.
Moi preto hai un albergue, da institución benéfica Padre Rubinos, e unha parella sen fogar comentábanos que non hai prazas abondo e por iso se producen estas situacións.
E cando se fala de ocupación, sempre hai quen intenta sacar rédito da preocupación social que xera. Durante a mañá comerciais de empresas de seguridade intentaban vender os seru servizos de alarmas a veciños e comerciantes da zona.