O fedor do esterco nunhas fontes de Ourense convertidas en xardineiras espanta a clientela dos bares
O fedor do esterco nunhas fontes de Ourense convertidas en xardineiras espanta a clientela dos bares
Varios bares pecharon porque a clientela non lle ía polo mal cheiro
As fontes da praza das Mercedes nas que botaron terra con esterco levaban anos estragadas
Comerciantes e veciñanza cren que deberían arranxar as fontes e non improvisar nelas xardineiras
Indignación no centro de Ourense pola decisión do Concello de improvisar nas fontes que había na praza das Mercedes grandes xardineiras. Din que o que deberían é arranxalas porque levaban anos sen funcionar. Pero, o peor, quéixanse os hostaleiros da praza, foi o fedor do esterco que botaron coa terra onde están a poñer as plantas. Un cheiro insoportable que lles espantou durante días a clientela.
Conta o propietario do bar Denver que cando chegou o luns viu que un camión estaba botando esterco por riba das fontes e que xa ese mesmo día tivo que pechar o seu negocio, as dúas clientelas que se sentaron nunha mesa da terraza fuxiron pola peste. Non volveu abrir ata despois de tres días. E este non foi o único bar da céntrica praza das Mercedes de Ourense que tivo que pechar polo fedor do esterco. Hoxe o mal cheiro xa marchou, pero os hostaleiros quéixanse de que tiveron perdas toda a semana.
O Concello de Ourense decidiu botar terra onde antes había auga despois de varios anos coas fontes estragadas. Unha decisión para a veciñanza e os comerciantes da praza das Mercedes improvisada, cren que o mellor sería arranxar a fonte e non botar terra e plantas nun lugar, contan, de paso no ocio nocturno que acostuma ser obxectivo de vandalismo. Pensan que pouco han durar as flores.
Dende a Alcaldía de Ourense, como é costume, non informaron os medios dos motivos, pero un técnico no lugar sinalou que o arranxo e o mantemento das fontes era moi cuantioso.