Queixas no barrio lugués das Regas polos danos do xabaril
Os veciños denuncian que unha manda de porcos bravos está a causar estragos nas súas terras todas as noites
Ata cinco exemplares de xabaril contaron os veciños das Regas na manda que pasea cada noite á beira das casas neste barrio de Lugo. Segundo aseguran, os porcos bravos están a deixar sen pasto o seu gando ao fozaren nas terras. Malia a instalación de peches para evitar que entren nos prados, polo momento non serviu de nada.
Os afectados sinalan que os xabarís crían nas silvas da contorna, polo que reclaman que se limpe a maleza. Doutra banda, lembran que nas últimas semanas se rexistraron nos arredores múltiples accidentes en que se viron implicados os porcos bravos.
A escasos metros pasa tamén o Camiño de Santiago, e ademais hai varios ximnasios, polo que sinalan que algúns usuarios incluso saen correr con paus disuasorios. Todo ante a proliferación duns xabarís que recentemente mesmo foron vistos de paseo pola zona de viños de Lugo.