Denuncian a presenza de mozos entrando e saíndo do Calello dos Cristais, no centro da Coruña
"Parece a porta do inferno", din veciños da zona que piden máis vixilancia
Situado nunha céntrica zona da Coruña, o coñecido como o Calello dos Cristais volveu converterse nunha dor de cabeza para os veciños das rúas Pérez Cepeda, Rei Abdullah e a avenida de Fisterra.
"Parece a boca do inferno". "Venden droga aos rapaces dos colexios, de 14 ou 15 anos". "É certo que pasan algúns como nerviosos".
E, segundo contan, non é o único punto de venda de estupefacientes que hai na zona. Sinalan outro a escasos metros.
"Debaixo da academia Nebrija, de FP. Alí, polo que me contaron, un señor vén os martes e vende droga aos alumnos dunha academia de FP que hai. Denunciouse e ao martes seguinte veu a policía e levou varias persoas".
Veciños e comerciantes din sentir medo.
"Eu cando quedo soa, e é noite, só acendo as luces do lateral porque me dá medo, e así xa non chamo tanto a atención".
Lembran tamén un episodio grave que tivo lugar, presuntamente, hai un mes, na entrada do pasadizo. Aquí, segundo contan, un home abordou unha pequena de 11 anos cando viña do colexio ás catro da tarde.
"O mozo estaba dentro. Tocouna e díxolle que entrara. A nena saíu correndo. Despois baixou a nai denunciar. Amais son clientes de aquí".
Situacións, din, incompatibles coa convivencia habitual do barrio. Piden máis vixilancia para poder recuperar a tranquilidade.