O Goberno declara Lugares de Memoria Democrática o Pazo de Meirás e as illas de San Simón e Santo Antón
O Goberno declara Lugares de Memoria Democrática o Pazo de Meirás e as illas de San Simón e Santo Antón
O Boletín Oficial do Estado publica este martes e o mércores as declaracións destes espazos pola súa singular relevancia histórica e simbólica, no contexto da Guerra Civil e a ditadura

O Boletín Oficial do Estado recolle este martes o inicio do procedemento para declarar o Pazo de Meirás (Sada, A Coruña) como Lugar de Memoria Democrática.
Os Lugares de Memoria Democrática son unha figura recollida na Lei de Memoria Democrática de 2022 e que promove a publicidade e coñecemento dos mesmos, co obxectivo de conformar unha relación de espazos, inmobles ou paraxes nos que se desenvolveron feitos de singular relevancia para a memoria democrática.
O BOE publica este martes o acordo do 19 de agosto, en coincidencia coa visita do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, ao Pazo de Meirás, e da comisionada para a celebración de 50 anos en Liberdade, Carmina Gustrán.
Antes desa visita, Martínez aseguraba nunha entrevista no programa Bos Días da Televisión de Galicia que se trata "dunha vitoria", e que hoxe é "un día histórico para o pobo de Galicia e de España".
O procedemento, que ten unha duración máxima de doce meses, empeza coa proposta de medidas de protección xenéricas e medidas de difusión e interpretación, que implican o impulso de "recursos audiovisuais e dixitais explicativos" xunto coa promoción de "a instalación de placas, paneis ou distintivo memorial interpretativo, así como se sinalización de punto de recoñecemento das vítimas".
O Pazo de Meirás, construído a finais do século XIX, foi o lugar de traballo da escritora Emilia Pardo Bazán e, en 1938, entregada ao ditador Francisco Franco para as súas vacacións estivais, tras unha recadación forzosa de fondos e expropiación de terreos impulsada entón por unha xunta de afíns ao bando sublevado.
A partir de aí foi a residencia oficial de verán do ditador e, posteriormente, pasou á súa familia ata que a Xustiza determinou en 2020 que o proceso de venda fora fraudulento e que a propiedade era do Estado, debido ao seu prolongado uso público.
Asociacións culturais e da memoria histórica concentráronse nos exteriores do pazo para protestaren contra o que consideran un acto propagandístico do Goberno. Din que en realidade só anuncian o inicio dun procedemento, pero que non hai compromiso real nin garantías para a preservación da memoria.

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, celebra esta declaración, e salienta que Meirás vai ser non só lugar de memoria, tamén lugar de divulgación da historia do país.
Sobre a declaración do Pazo de Meirás, 25 colectivos memorialistas galegos denunciaron este luns a súa exclusión do proceso por parte do Goberno -pois o expediente incóase de oficio ao deixar caducar en xuño a petición destas entidades- e o branqueamento do espolio dos Franco. O secretario de Estado de Memoria Democrática asegura que esta polémica "non ten sentido".
Illas de San Simón e Santo Antón
O Goberno avanza que o mércores se fará a mesma publicación relativa ao arquipélago formado polas Illas de San Simón e Santo Antón (Redondela, Pontevedra), que serán visitadas esa mesma xornada.
As illas de San Simón e Santo Antón, pola súa banda, foron deseñadas como un lazareto -están ateigadas de árbores medicinais plantadas de forma específica e ese foi o seu uso máis prolongado- e foron utilizadas como campo de concentración franquistas tras o estalido da Guerra Civil e ata principios da década de 1940.
A partir de outubro de 1936, a illa de San Simón converteuse nunha colonia penal en que os sublevados recluíron a presos republicanos chegados nun primeiro momento da provincia de Pontevedra e de toda Galicia, e, posteriormente, doutros lugares da xeografía española, especialmente desde Asturias.
O penal, onde se amontoaban os presos, estivo aberto entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943. Por alí pasaron máis de 5.600 persoas recluídas. A finais de xaneiro de 1943, apenas dous meses antes de que fose clausurado, ingresou o recluso que facía o número 5.616, aínda que en ningún momento chegaron a coincidir ao mesmo tempo máis de 2.000 prisioneiros.
Desde febreiro de 1939, e ata que o penal foi desmantelado a principios de 1943, viviuse a etapa máis funesta deste espazo, coa chegada masiva de presos de idades moi avanzadas procedentes de toda a xeografía española. Entre os seus muros téñense contabilizadas máis de 517 mortes, ademais das que se produciron por ‘paseos’ e fusilamentos, segundo un comunicado do Ministerio de Memoria Democrática.