A borrasca Joseph deixa case 400 incidencias en Galicia antes de que remate o pico do temporal
A alerta pasa de vermella a laranxa a partir da unha da madrugada
119 litros por metro cadrado en Santa Comba e ventos de ata 129,7km a hora en Viveiro
O temporal Joseph deixa no que vai de día 388 incidencias relacionadas co vento e a chuvia na nosa comunidade.
A maioría das intervencións tiveron que ver coa caída de árbores e pólas nas estradas (82), inundacións en estradas (35), inundacións en vivendas (8), prevención de risco (46), bolsas de auga (12) e incidentes relacionados con terra e pedras nas estradas (21) e cables tirados (15) entre outras.
Por provincias: Pontevedra (174), A Coruña (132), Ourense (42) e Lugo (40).
Entre os concellos con máis intervencións, destacamos o de Vigo (31), Pontevedra (14), A Estrada (9), Santiago con (21), Outes (6) e Foz con (3) incidentes.
Rescatado un home en Portas
A Garda Civil e efectivos de Protección Civil rescataron esta tarde-noite a un home do interior do vehículo que conducía tras ser sorprendido pola auga cando atravesaba un camiño, en Briallos, onde o albergue, no concello pontevedrés de Portas. O home foi rescatado en bo estado.
O 112 Galicia foi informado do suceso polos efectivos de Protección Civil de Cuntis, ás 20:20 horas desta noite.
Colisión múltiple na Coruña e en Vigo
Pasados uns minutos das 15:30 horas, o 112 Galicia recibía a chamada de varios alertadores que informaban dun accidente múltiple na AC-11, dirección entrada á cidade da Coruña.
Ata o lugar desprazouse o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, que segundo informaron, atenderon a unha persoa. Así mesmo, foron informados os axentes da Policía Local e os Bombeiros da cidade.
Tamén en Vigo, sobre as 19:30 horas
Morren varios animais tras incendiarse unha corte
Esta tarde produciuse ademais un incendio nunha granxa no lugar Casas de Veiga, en Ganade, no concello de Xinzo de Limia. O suceso ocorreu ao fío das 14:30 horas.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Xinzo, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil Xinzo, Urxencias Sanitarias 061, Confederación Hidrográfica Miño Sil, Medio Ambiente Xunta de Galicia, Central provincial de Incendios, e Concello.
O 112 Galicia recibiu nesta xornada máis de 2200 chamadas.
A provincia de Pontevedra e o sur da Coruña son as zonas máis afectadas.
Cinco ríos están en nivel vermello por rebordamentos e outros 21 están en nivel laranxa.
Non hai danos persoais nin danos graves en infraestruturas.
Houbo puntos que superaron os 115 litros por metro cadrado durante a xornada. En Santa Comba, a estación de Fontecada rexistrou 119 litros por metro cadrado. En Lousame caeron 117,8 e Forcarei e Fornelos de Montes superaron os 115.
O refacho máis forte foi de 129,7km a hora e rexistrouse en Viveiro, no Penedo do Galo.
A borrasca estará no seu pico agora no seu pico entre as 11 da noite e a unha da madrugada. Entre a unha e as seis da mañá o aviso vermello pasará a laranxa.
O temporal levou a suspender os trens entre Ourense e Santiago e Ourense e Vigo-Guixar, así como o de Ferrol a Asturias, e o transporte de ría entre Vigo e O Morrazo.
O Goberno galego suspendeu as clases esta xornada nos centros educativos e garderías do interior da provincia de Pontevedra e activou a alerta laranxa tamén por choiva no noroeste, sur e a zona do Miño da provincia de Ourense.
Deste xeito, mantéñense as medidas de precaución e o chamamento á poboación para que evite desprazamentos innecesarios e se afasten dos leitos dos ríos.
O interior da provincia de Pontevedra atópase en alerta vermella por choivas intensas, unha alerta que estenderá ata primeiras horas deste martes. Así mesmo, hai aviso laranxa, tamén por choivas e vento, no noroeste e sur da provincia de Ourense, así como no oeste e noroeste da Coruña, e no oeste de Pontevedra, desde as 18:00 horas.
Igualmente, hai aviso laranxa por mar de vento e ondada en augas litorais das provincias da Coruña e Pontevedra. Tamén está activado o aviso laranxa por choiva e vento na costa da Coruña e Pontevedra.