A frota permanece amarrada a porto ante o mal estado do mar
Os mariñeiros dan por perdido xaneiro e avanzan que febreiro non comezará mellor
Cos barcos amarrados a porto, toca facer traballos de mantemento.
"Estou limpando as caixas que é un traballo que hai que facer", di un mariñeiro.
Van dúas semanas sen poder traballar de xeito. En portos como Malpica poucos se arriscaron a saír ao mar aproveitando unha pequena tregua no tempo.
"Saíron dous e traerán peixe", asegura un mariñeiro.
Din que decembro xa non foi bo. E xaneiro xa o dan por perdido.
"Vimos dunha mala campaña de nadal, levamos xaneiro indo un día e parando dous e anticipamos que vai ser unha semana mais. As previsións do tempo son malísimas e cremos que non vai haber peixe nas lonxas", explican desde a Confraría de Pescadores de Malpica.
En terra, hai chuvia e vento que irase intensificando nas próximas horas. Na Coruña permanecen pechados os parques e xardíns. E na praia de Riazor non foi posible retomar os traballos de recomposición da duna estragada pola forza do mar. As autoridades piden precaución e recomendan evitar as zonas máis próximas á costa.