O aviso para evitar desprazamentos reduce o tráfico nos concellos en alerta vermella
A chuvia complica a condución tanto nas vías principiais como nas estradas secundarias
Malia a advertencia houbo xente que non tivo máis remedio que coller o coche
Foi a primeira recomendación que chegou coa mensaxe ES-Alert: evitar os desprazamentos que non foran necesarios. Nos dezaseis municipios en alerta vermella, moita xente puido seguir o consello e este luns notábase menos tráfico en lugares como Fornelos ou A Lama. Practicamente non había xente camiñando, só algúns, poucos, vehículos. E moitos dos que saían era porque estaban obrigados.
"Eu tiven que saír porque teño un rapaz pequeno con discapacidade e tiven que levalo a Pontevedra. E non me quedou máis remedio ca saír. Se non, co día que vai hoxe, non saía", explica unha muller na Lama.
"Tiven que saír porque teño animais, un cabalo, e tiven que comprarlle a cama para que estea seco e quentiño. Se non, non saía nin de broma", conta un mozo que foi mercar lascas de madeira a unha tenda.
"Precisamente para vir mercar algo para casa... Pan, leite...", engade un home que foi comprar ao mesmo establecemento.
A Lama ten máis de cen quilómetros cadrados e os núcleos de poboación están dispersos. Era na zona da Pedreira onde había algo de movemento, na mesma rúa na que coinciden a casa do Concello, o centro de saúde e a farmacia.
"Non houbo moito cambio, como un día normal. A xente veu a pola súa medicación habitual", asegura Marcos Fontán, que despacha na farmacia da vila.
Por sorte, as estradas estaban limpas. Aínda que o vento, que tamén sopraba con forza, ameazaba con guindar pólas ao asfalto.