Sen clases nin transporte escolar en 16 concellos da provincia de Pontevedra
Para os escolares dos dezaseis concellos en alerta vermella pola chuvia é o segundo día de suspensión das clases. O pasado venres, a neve impediu a actividade lectiva.
Algúns permanecían abertos, pero coas aulas completamente baleiras
Como medida preventiva ante os efectos da borrasca Joseph, a Xunta de Galicia cancelou as clases nos concellos do interior da provincia de Pontevedra con maior risco por chuvias. Tamén se suspendeu o transporte escolar para evitar desprazamentos por estrada.
Para os escolares dos dezaseis concellos en alerta vermella pola chuvia é o segundo día de suspensión das clases. O pasado venres, a neve impediu a actividade lectiva nos centros educativos e este luns as fortes precipitacións volven deixalos nas súas casas.
A comisión escolar de alertas obrigou a suspender as clases en todos os centros educativos e escolas infantís. Algúns permanecían abertos, pero coas aulas completamente baleiras.
"É unha decisión do centro manter os servizos mínimos. Abrimos igual, no horario, co conserxe e unha persoa do equipo directivo para poder atender calquera persoa que poida vir", explica Fernando Justo, director do IES A Cañiza.
Como medida preventiva, a Xunta cancelou tamén o transporte escolar.
"Hai un risco, porque hai moito transporte que ten que andar por estradas comarcais que teñen moita perigosidade", explica Fernando Justo.
Unha medida ben acollida entre a poboación.
"Se o fan, e é para a seguridade dos rapaces, o miro perfectamente", explica un veciño.
Este inverno a meteoroloxía está alterando o ritmo escolar con xornadas na casa e moi pendentes das alertas.