O Goberno inicia a declaración de Lugar de Memoria Democrática para a cidade de Ferrol, con 22 lugares identificados
O Goberno inicia a declaración de Lugar de Memoria Democrática para a cidade de Ferrol, con 22 lugares identificados
Entre os espazos emblemáticos que recolle o BOE, están o Castelo de San Filipe, a factoría de Navantia, o monólito de Pablo Iglesias, o arsenal militar e o arquivo naval
O procedemento ten en conta a significación histórica e simbólica destes lugares e o seu vínculo coa loita cidadá polos dereitos e liberdades tras o golpe de estado do 36
Castelo de San Filipe (Arquivo TVG)
O Goberno iniciou o procedemento para declarar Lugar de Memoria Democrática a cidade de Ferrol, segundo a resolución aprobada o 4 de novembro e publicada hoxe polo BOE, que identifica 22 lugares con espazos emblemáticos.
Así, na relación publicada hoxe e recollida por Europa Press, cítanse os seguintes: Castelo de San Filipe, Prisión naval militar de Caranza, Cuartel do Baluarte/Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, Cuartel de Dolores, de Infantería de Mariña, Prisión do Partido Xudicial (actualmente Comisaría da Policía Nacional), Comisaría de Policía de Santo Amaro, Cemiterio da Igrexa de San Salvador de Serantes, Monólito en memoria do alcalde republicano de Serantes Alejandro Porto Leis e o Instituto de Canido.
A eles súmanse a Igrexa de San Rosendo, Factoría de Navantia Ferrol, Cantón de Molíns, Teatro Jofre, Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia, Portal número 27 de Rúa Terra, Monumento Dez de Marzo, Casa natal de Concepción Arenal, Casa natal de Ricardo Carvalho Calero, Monólito dedicado a Pablo Iglesias Posse, Avenida Mestre García Niebla, Arsenal Militar e Arquivo Naval de Ferrol (Palacio de Capitanía, Rúa Real, s/n).
Coa incoación do expediente para declarar Lugar de Memoria Democrática a cidade de Ferrol danse 15 días de prazo de audiencia aos titulares dos bens obxecto do expediente e ao Concello onde radican estes para que realicen as alegacións oportunas sobre o réxime de protección do ben conforme á normativa urbanística.
O expediente quedará resolto en 12 meses
Ademais, sinálase que o expediente estará resolto no prazo de doce meses desde a súa incoación e pediranse informes ao Departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ao Departamento de Historia Contemporánea da Universidade da Coruña e ao Consello da Cultura Galega.
A incoación do citado procedemento debe estar motivada por feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva e vinculados á memoria democrática e a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades como consecuencia do golpe de Estado de xullo de 1936, a guerra, a ditadura, o exilio e a loita pola recuperación dos valores democráticos.
Represión sistemática
Conforme a estes feitos, o Goberno expón que a declaración de Lugar de Memoria Democrática se xustifica en que o 18 de xullo, coa sublevación militar que triunfou de forma inmediata na cidade, un dos principais enclaves navais e militares, os mandos golpistas ocuparon os puntos estratéxicos, neutralizando a resistencia de mariñeiros e traballadores leais á República, e instauraron un novo poder militar que iniciou unha represión sistemática.
Esta caracterizouse polas numerosas detencións, consellos de guerra sumarísimos e execucións que buscaron aniquilar toda oposición republicana e consolidar a nova orde franquista.
Así, citan que o Castelo de San Filipe se converteu en prisión militar e centro de fusilamentos e se erixiu como un dos principais espazos de represión. Xunto a el, sinala o BOE, outros lugares como o presidio do Dique, as prisións navais de Caranza e A Graña, o cuartel do Baluarte, o cuartel de Dolores, a prisión do partido xudicial ou a comisaría de San Amaro.
Ademais, expoñen que entre os escenarios máis significativos desta violencia institucional está o cemiterio civil de Canido, lugar habitual de fusilamentos de mariñeiros, sindicalistas e cidadáns comprometidos coa legalidade republicana. De feito, expón o texto que entre 1936 e 1945 se documentan preto de trescentas execucións de persoas cuxos corpos foron enterrados en fosas comúns.
Segundo relata o Executivo, co paso do tempo, o antigo cemiterio desapareceu e sobre o seu terreo levantouse o actual Instituto de Canido, símbolo da transformación do espazo da morte nun lugar de educación e memoria.
Ao seu lado, prosegue a exposición da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, consérvase a Igrexa de San Rosendo, antiga capela do cemiterio, hoxe parroquia, e configuran ambos un conxunto patrimonial de gran valor simbólico para a memoria democrática ferrolá.
A represión estendeuse tamén ao ámbito rural do municipio; así, cita que o cemiterio da igrexa de San Salvador de Serantes foi escenario de execucións colectivas e alberga varias fosas comúns nas que repousan ao redor de cento cincuenta vítimas.
Nesta contorna levántase o monólito dedicado ao alcalde republicano de Serantes Alejandro Porto Leis, executado en 1938 xunto cos veciños que tentaron auxilialo.
Tamén lembran que a pesar da violencia sufrida, Ferrol mantivo viva a súa tradición de loita obreira e de resistencia ao longo do tempo e sinalan a factoría de Navantia, herdeira dos antigos estaleiros, como escenario de mobilizacións que prolongaron a cultura de resistencia do proletariado ferrolán.
Neste sentido consideran relevante lembrar as loitas en defensa da legalidade republicana e as diferentes mobilizacións que, máis adiante, lograron poñer en xaque a ditadura, e poñen como exemplo a folga do aceite de 1946 ou a de 1966 contra o despedimento dos traballadores da Sección de Obras Civís de Bazán e os sucesos de marzo de 1972.
En canto ao tecido urbano, a resolución indica espazos como o Cantón de Molíns, testemuña da defensa do edificio consistorial entre o 20 e o 21 de xullo de 1936 fronte aos sublevados; o Teatro Jofre, como escenario de mitins e actos de organizacións democráticas e sindicais durante a Segunda República, e o Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia, lugar de grande actividade cultural e educativa da clase traballadora durante o período republicano.
Monumento contra a represión dos traballadores do naval
Neste mesmo contexto, engaden o portal número 27 da Rúa Terra, vinculado á memoria da resistencia clandestina durante o franquismo, por ser o lugar onde o sindicalista Ramón Reboiras foi asasinado a tiros pola Brigada Político Social.
O BOE inclúe o Monumento do 10 de marzo de 1972, que conmemora a represión sufrida polos traballadores do naval durante as mobilizacións daquel ano. Así, afirma o texto que este episodio é considerado un dos fitos do movemento obreiro antifranquista. O expediente sinala tamén a tradición progresista e intelectual da cidade, xa que nela naceron figuras como Concepción Arenal, pioneira do pensamento feminista; Ricardo Carvalho Calero, escritor, filólogo e defensor da lingua galega, e Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE e da UXT.
A iso, o Goberno suma a memoria da represión do pensamento libre e cita a Avenida Mestre García Niebla, que lembra o mestre laico vinculado á Institución Libre de Enseñanza, asasinado en agosto de 1936.
Así mesmo, engade o BOE que o patrimonio documental e militar de Ferrol conserva pegadas esenciais para a reconstrución desta historia nas que inclúe o Arsenal de Ferrol e o Arquivo Naval, situado no Palacio de Capitanía, onde se conservan fondos que permiten coñecer a actuación da xurisdición militar durante a ditadura, e o Cuartel do Baluarte, actual Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, que custodia expedientes e consellos de guerra fundamentais para a investigación histórica e a preservación da memoria democrática.