Xincana de fochancas nunha estrada de Vista Fermosa, en Ourense
Rodas rebentadas, embragues rotos e mesmo lesións por caídas de moto son algunhas das consecuencias
Os veciños din que os taxistas mesmo se negan a levalos polo risco de estragaren o coche nas fochancas
Cunha perspectiva privilexiada da cidade de Ourense, a deterioración da estrada é o que máis lles amarga a vida aos veciños de Vista Fermosa, onde está o forno dunha das panaderías máis famosas da cidade. O Camiño do Monte, a estrada que lles dá servizo, é unha xincana de fochancas.
"Hai cada burato que, como veñas descoidado, deixas aí o coche". "Unha porcallada. Xa chamei ao Concello máis de cen veces e din que vai para longo", comentan.
As consecuencias son graves e custosas. Os veciños relatan desde danos nos vehículos ata lesións por caídas.
"Podes romper calquera cousa co coche. As rodas ou os amortecedores. Hai buratos para dar e tomar". "Eu tiven que poñer o embrague, el as rodas..., mira a cantidade de coches que hai por aí". "Caemos tanto camiñando como coa moto. As motos sufriron contratempos e eu unha fisura de pé", enumeran varias veciñas.
Non hai sumidoiros e, cando chove tan abundantemente como os últimos invernos, a auga baixa coma un río por esta rúa, cada vez máis deteriorada.
Agardan por unha solución antes de que a chuvia agrave, aínda máis, a situación.