Preparativos contra o reloxo nos centros educativos para o comezo do curso
O profesorado prepara o regreso ás aulas do próximo luns e as familias fan as últimas compras de material escolar
Preparar a benvida, cadrar as quendas, organizar o material..., o profesorado traballa contra o reloxo estes días, en que non hai alumnos, pero teñen traballo para dar e tomar.
"Este ano que as clases empezan o oito de setembro, estamos a cen por hora. O profesorado ten que planifica o curso académico, organizar espazos, recreos, gardas de transporte, comedor...", explica María Jesús Lopez, directora do CEIP Xesús Golmar de Lalín.
A elas tamén lles toca volver á rutina despois do verán, e afrontan o novo curso con ilusión e estrés a partes iguais.
"O exceso de burocracia consome moito do noso tempo entre actas, xuntanzas, programacións..., e temos que organizar o espazo das aulas tamén. Imos pillados, pero chegaremos", di Yolanda Rodríguez, mestra de educación infantil.
As reunións sucédense neste colexio de Lalín en que hai que axustar horarios e organizar espazos para unha gran familia de máis de 600 alumnos.
"Estamos cadrando horarios e facendo a programación, temos pouco tempo nesta semana, é un cúmulo de traballo", engade Vanessa Ferreiro, profesora de primaria.
Unhas pelexan co papelame, e outras colocan o material necesario para poñer a andar as mentes, pero tamén os corpos.
"Estas pelotas perderon aire no verán, e nós gañamos enerxía nas vacacións. Así que estamos a inflalas para que todo estea listo o luns", comenta María José Fernández, profesora de psicomotricidade neste CEIP de Lalín.
E mentres nos colexios poñen a punto as aulas, as familias e os nenos fan as últimas compras de material escolar.
"Hai compras de última hora, pero tamén familias previsoras que mercaron antes para dividir o gasto, porque é moito todo xunto no comezo do curso".
"Eu vou para bacharelato e o que máis ilusión me fai é comprar o material. Xa teño o típico de libros, cadernos e bolis, todo para estudar".
Cadernos e bolis que cargará o luns xunto cuns poucos nervios porque isto do comezo do curso sempre ten un punto emocionante, para eles e para os seus mestres.