O IPC mantívose en agosto no 2,7 % pola moderación dos alimentos e a electricidade
En Galicia a inflación subiu dúas décimas, ata o 2,5 %
O aceite de oliva baixa case un 44 % nun ano

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) mantívose no 2,7 % en agosto, a mesma taxa que o mes anterior, e a inflación dos alimentos moderouse catro décimas, ata o 2,3 %, polo maior abaratamento da froita.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres o dato de inflación adiantado hai dúas semanas e tamén a taxa de inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos non elaborados), que se situou no 2,4 % interanual, unha décima por encima da de xullo.
A inflación mantívose sen cambios en agosto tras dous meses consecutivos á alza. Con todo, sitúase lonxe do mínimo rexistrado en setembro de 2024, cando chegou ao 1,5 %.
En Galicia a inflación repunta ata o 2,5%
Seis comunidades autónomas rexistraron en agosto unha inflación superior á media nacional: Baleares e Comunidade Valenciana (3,2 %), Asturias (3,1 %), Madrid (2,9 %), Estremadura e País Vasco (2,8 %), mentres que a máis baixa estivo na Rioxa e Murcia, en ambos os casos no 2,1 %.
En Galicia a inflación situouse en agosto no 2,5 %. O índice de prezos ao consumo (IPC) de agosto repuntou dúas décimas con respecto ao dato interanual rexistrado en xullo, mentres que a inflación dos alimentos moderouse catro décimas ata o 2,1%, segundo informou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
O aumento dos prezos en Galicia moderouse especialmente no vestido e o calzado, onde se reduciu en 7 décimas respecto ao mes anterior, sitúandose nun crecemento interanual de 1,4 %.
Tamén se reduciu o aumento do prezo das bebidas alcohólicas e o tabaco (0,2 décimas) ata 4 % interanual e retardouse lixeiramente nunha décima o da vivenda con respecto a xullo, que aínda así rexistra unha subida de 5,8 % en comparación con agosto de 2024.
O resto de grupos rexistraron incrementos positivos respecto ao mes anterior, destacando o transporte, que subiu catro décimas situándose en 1 % interanual.
No conxunto de España, o grupo que máis tirou á alza do IPC foi o do transporte, no que se encadran os carburantes, cuxa taxa anual aumentou un punto, ata o 1,2 %, por un menor abaratamento dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais e un maior encarecemento do transporte aéreo de pasaxeiros.
Por contra, os grupos con maior influencia negativa foron a vivenda, polo mantemento dos prezos da electricidade fronte á subida do ano pasado, e os alimentos e bebidas non alcohólicas, que marcaron unha taxa do 2,3 %, catro menos que en xullo.
O aceite de oliva baixa case un 44 % nun ano
Dos compoñentes da lista da compra, o que máis baixou en agosto foi o aceite de oliva, un 43,7 % respecto ao mesmo mes do ano anterior.
Os que máis subiron foron o café (20,2 %), outros aceites comestibles (18,9 %), o chocolate (18,8 %), os ovos (17,8 %), a carne de vacún (15,5 %) e a carne de ovino e caprino (10,6 %).
Deixando a un lado o comportamento dos alimentos, as maiores subidas foron o transporte combinado de pasaxeiros (26,7 %), a xoiería e bixutería (22,6 %), os voos internacionais (19,9 %), a electricidade (14,7 %) e a recollida de lixo (14,3 %).
No extremo contrario, as maiores baixadas rexistráronas os combustibles líquidos, un 8,2 %; os computadores persoais, un 7,7 %, os equipos de telefonía móbil, un 6,9 %; e os equipos para a recepción, rexistro e reprodución audiovisual, un 6,3 %.
O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa destaca que a inflación xeral mantense en agosto "debido principalmente a que a estabilidade da electricidade compensou a contribución á alza dos carburantes".
Nun comunicado, insiste en que "a estabilidade da inflación e as subidas dos salarios están a permitir ás familias recuperar de forma progresiva a súa poder adquisitivo".