Dispáranse un 10 por cento as vendas da Lotería de Nadal respecto aos últimos anos
Esgotáronse xa números que nunca antes se acabaran a estas alturas do ano
Arredor dun dez por cento máis. Ese é o aumento de vendas que experimentou a Lotería de Nadal, polo momento, con respecto aos últimos anos.
Segundo os loteiros, axudou a dinamizar a campaña a chegada dun maior número de visitantes, que se sumaron aos clientes habituais.
"Prevese que vai ser mellor que o ano pasado. Pero ata o final non se sabe, porque hai xente que ten aí reservas que contas que vaian vendendo e ao final venden ou non. Ata o final non se sabe, pero tal como vai, está bastante adiantado", explica a loteira Ana Fernández Lamela.
"A verdade é que este ano estamos notando un pouquiño de incremento con respecto ao ano pasado. Ao principio non foi o mellor ano, porque o mes de xullo foi moi frouxiño, pero a partir de agosto empezou a remontar e estamos agora moi contentos", engade o loteiro Daniel Ruiz.
De feito, hai números que xa se esgotaron. É o caso do 32.618, algo que nunca antes pasara neste bar do centro de Lugo onde o venden dende hai 46 anos.
"Este ano, a estas datas, a Lotería de Nadal acabouse toda. Se tivera máis, pois máis vendería. Teríanme que dar máis lotería, pero temos un tope. Eu vendo sobre 12.000 euros de lotería de Nadal", sinala o hostaleiro David Moldes.
"Unha vez que se acaban, acabáronse, por que é limitado. Non podes pedir máis, aínda que Madrid nos serve outros números. Por exemplo, eu teño dous bares que xa remataron, son abonados, e non hai forma de facerse con máis. Se é outro número, si que poden variar, pero os abonados non se poden pedir máis", subliña Ana Fernández Lamela.
Para evitar que se acaben tan rápido os números, os loteiros demandan que se incremente o número de series, limitado actualmente a apenas 200. Outra reinvindicación do sector é a suba do prezo dos décimos, que valen o mesmo dende a implantación do euro.