O Goberno volve pechar a porta ao rescate e liberalización das peaxes da AP-9
A secretaria de Transportes respóndelle ao Partido Popular que o custo é inasumible
O Goberno insiste en pechar a porta ao rescate da AP-9, unha demanda unánime do Parlamento de Galicia. Faino no Congreso en resposta a unha pregunta do Partido Popular.
Di o Partido Popular que os galegos pagamos as peaxes máis caras de toda España por circular pola AP-9, a vía que vertebra a comunidade de norte a sur. Por iso pide explicacións por parte do Goberno sobre as posibilidades de iniciar os trámites para a transferencia da vía e a liberalización das peaxes como a alternativa máis vantaxosa para o interese xeral.
E lembra que é un acordo unánime do Parlamento de Galicia e unha das condicións do acordo entre o BNG e o Partido Socialista para investir a Pedro Sánchez.
"A situación actual é a dunha autoestrada suxeita a un contrato concesional en vigor cunhas tarifas establecidas que deben cumprirse. Non é viable proceder ao rescate da concesión polo altísimo volume de gastos que suporía inasumible pola Administración e con efectos claros lesivos para o Estado", xustifica a Secretaria xeral de Transporte Terrestre.
"Rachará definitivamente o BNG o seu apoio a Sánchez como fixo Junts ou seguirá nunha posición de compás? E vaia 'papelón' o do señor Besteiro como aplaudidor de todo o que prexudica a Galicia!. É moi lamentable", responde o deputado popular, Celso Delgado.