Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta amplía en 250.000 euros o presuposto do Bono Emancípate

A Xunta amplía en 250.000 euros o presuposto do Bono Emancípate

Os beneficiarios son mozos de entre 18 e 35 anos

As axudas son de 1.500 euros para alugueiro e de 3.000 para compra de vivenda

G24.gal 28/10/2025 16:04

A Xunta ampliou en 250.000 euros o orzamento do Bono Emancípate, o que permitirá alcanzar xa este ano a máis beneficiarios de 18 a 35 anos de idade que se mudan a un inmoble de alugueiro ou comprado, con axudas de 1.500 e 3.000 euros, respectivamente, para custear gastos iniciais en compra de mobiliario, electrodomésticos, enxoval ou mesmo pagos de xestoría ou notaría.

Coincidindo coa súa publicación este martes no Diario Oficial de Galicia da ampliación deste crédito, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou unha tenda de decoración en Santiago de Compostela, onde explicou que este ano se recibiron 3.700 solicitudes para o Bono Emancípate, pero coa partida inicial de 2 millóns de euros só se cubriron 900 persoas.

En concreto, nesta primeira edición resultaron beneficiarias preto de 500 persoas que se emanciparon en réxime de alugueiro e máis de 400 propietarias. Así, cos 250.000 euros máis de crédito, seguiranse concedendo bonos dentro das solicitudes xa recibidas, de forma que non se abrirá un novo prazo.

O conselleiro explicou que a adxudicación das axudas realizouse por orde de chegada das peticións e unha vez revisados os requisitos esixidos nas bases da convocatoria.

"A verdade é que nos sorprendeu positivamente o impacto que tivo", destacou López Campos. 

Ademais, o Bono Emancípate reeditarase o próximo ano, cunha partida que se incrementará ata os tres millóns de euros. López Campos destacou "o compromiso do Goberno galego coa xente nova e coa mellora da súa calidade de vida".

Unha vez concedidas, as axudas fanse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual, expedida a nome da persoa beneficiaria, que no caso da actual convocatoria de 2025, pode ser utilizada ata o 31 de decembro como data límite. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade