Veciños de Mollavao, en Pontevedra, piden a retirada de vehículos abandonados no barrio
Denuncian a presenza dun vertedoiro de coches e lixo baixo a ponte da AP-9
Cren que son unha ameaza porque poden acabar ardendo
Abandonados, sen rodas, queimados, rodeados de lixo... Así están os vehículos que preocupan aos veciños de Mollavao.
"Agora mesmo contamos catro, en diferentes estados de abandono. Algúns se poden remolcar porque aínda teñen rodas, outros arderon". "Esta furgoneta negra leva mais dun ano, hai xente que vive dentro, hai ratas, hai xente que fai as súas necesidades aí no chan". "Estamos todos os que traballamos e vivimos no barrio preocupados, é como estar noutro mundo estando no centro de Pontevedra".
O seu principal temor é que os coches acaben ardendo, tal e como xa sucedeu noutras ocasións. Din que algunhas persoas sen teito os usan como fogar improvisado, e serían os primeiros en correr perigo.
"É inseguro para a propia persoa que precisará quentarse no inverno e ten risco de que arda todo, os coches que os rodean están moi pegados, ademais ao estar baixo a ponte da autoestrada é aínda peor, xa ardeu un nunha ocasión".
Malia que pediron a retirada dos coches en varias ocasións, polo momento non tiveron éxito. Algúns levan catro anos no aparcadoiro.
"Entendemos que é cousa do Concello. Cando aparcas mal vén o guindastre municipal e retira o coche. Nós o pedimos formal e informalmente nas redes, pero os coches levan moito tempo aí".
Recordan que se trata dunha zona moi transitada, co centro de saúde e as vivendas a moi poucos metros, e queren volver pasear e aparcar seguros baixo a ponte da AP-9.