Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xornalista da Radio Galega Cristina Lombao será a pregoeira do San Froilán 2025

A xornalista da Radio Galega Cristina Lombao será a pregoeira do San Froilán 2025

O Concello de Lugo di que con esta elección busca render homenaxe a "unha das voces máis relevantes da historia da radio en Galicia"

A música Branca Villares será a encargada da tradicional ofrenda a Rosalía de Castro

A xornalista Cristina Lombao, nunha imaxe de arquivo informando das festas do San Froilán A xornalista Cristina Lombao, nunha imaxe de arquivo informando das festas do San Froilán
G24.gal 05/09/2025 14:30

A xornalista da Radio Galega Cristina Lombao será a encargada de pronunciar o pregón das festas de San Froilán 2025, o día 4 de outubro, mentres que a ofrenda a Rosalía, no Domingo dás Mozas, correrá a cargo da música Branca Villares.

Así o anunciou este venres a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, tras presidir unha nova reunión da Comisión de Festas na que se avaliaron os avances na organización de "a gran cita do outono galego".

Ferreiro explicou que a elección de Lombao responde ao desexo de render homenaxe a "unha das voces máis relevantes da historia da radio en Galicia".

Nacida en Lugo en 1964, estudou Publicidade e Relacións Públicas no CENP. Colaborou en Radio Lugo-Cadena SER, RNE Galicia e no xornal O Sol.

Desde 1988 traballa na Radio Galega, primeiro en Santiago e desde 1993 na delegación da Coruña. Entre 2007 e 2009 dirixiu e presentou o magacín O tren do serán. En 1988 obtivo o Premio Nacional de Artes e Tradicións Populares do Ministerio de Cultura por un programa da serie O bosque animado, emitida entre 1988 e 1990.

Sobre Branca Villares, a edil destacou o seu compromiso con "a recuperación da música tradicional, especialmente a de Lugo".

Nacida en Lugo en 1980, é filla de gaiteiro e de formación principalmente autodidacta. Formou parte dos colectivos culturais María Castaña e Reviravolta, e durante case unha década integrou o grupo Liñaceira, onde profundou na experimentación vocal e percusiva coa música galega e portuguesa como base.

Aprendeu directamente de portadores da tradición oral na montaña lucense e noutras zonas de Galicia, con especial interese polas culturas raianas.

A concelleira subliñou que o San Froilán "non é só un calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e poñer en valor a Lugo como capital da cultura".

Neste sentido, avanzou que a programación deste ano será "extensa e pensada para todos os lucenses", con máis de 200 actividades que abarcarán música, gastronomía, tradición e lecer para todos os públicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos